Julián Bustelo: “Na residencia de maiores de Rianxiño as persoas usuarias sentiranse coma na súa propia casa”

01 Outubro 2026

Coincidindo coa celebración (este 1 de outubro) do Día Internacional da Terceira Idade, o alcalde rianxeiro, Julián Bustelo, compartiu nas redes información sobre o proxecto de residencia de maiores de Rianxiño, achegando reconstrucións virtuais sobre a estrutura final que terá o inmóbel, que, nas súas palabras, marcará un antes e un despois en materia asistencial.

Indicou que a residencia terá unhas 60 prazas, divididas en catro unidades convivenciais, provistas con xardíns terapéuticos, espazos para as familias e decoración personalizada.

“Será un servizo fundamental para abordar os grandes retos demográficos actuais en materia de atención a persoas maiores e vivenda”, destacou o rexedor, lembrando que o proxecto será unha realidade grazas á colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña.

A residencia de maiores non será unha residencia ao uso: “Aquí as persoas son o centro do proxecto e estarán no centro. Fuxirase do modelo actual e apostarase por un centro pequeno, integrado na comunidade e baseándose na cogobernanza entre profesionais, persoas usuarias e familias. A residencia de Rianxo será un espazo onde as persoas usuarias se sintan cómodas e poidan desenvolverse autonomamente e ao seu gusto. En definitiva, sentiranse coma na súa propia casa”, indicou o Bustelo, engadindo que “canda a residencia, poñeremos en marcha, tamén en Rianxiño, o tan ansiado centro de día”.

Máis datos sobre a Casa de Acompañamento

A Deputación da Coruña financiará e xestionará a construción do novo centro público, que disporá de 59 prazas residenciais nunha parcela de máis de 6.000 metros cadrados na rúa Rianxiño. O pasado mes de agosto formalizouse a cesión gratuíta dos terreos municipais onde se levantará a futura Casa de Acompañamento a Persoas Maiores (CAM) de Rianxo.

A infraestrutura situarase nunha parcela de máis de 6.000 metros cadrados emprazada na rúa Rianxiño —a carón do IES Félix Muriel—, cunha valoración superior ao millón de euros. En virtude do documento subscrito, o Concello achega o solo mentres que a Deputación asume a titularidade pública do servizo, así como o financiamento integral das obras, o equipamento e a posterior xestión do centro.

A CAM de Rianxo intégrase no proxecto piloto da Deputación —xunto coas residencias proxectadas nas Pontes e en Ordes— para implantar centros de proximidade inspirados nos estándares europeos de quinta xeración, orientados a previr o desarraigo e garantir un coidado personalizado.

As instalacións contarán coas seguintes características principais:

-Capacidade de 59 prazas distribuídas en catro unidades convivenciais independentes, equipadas cadansúa con salón, cociña e zonas comúns de uso propio para reproducir a dinámica dun fogar.

-Servizos especializados. Atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional e fisioterapia.

-Dotación tecnolóxica. Sistemas avanzados para garantir a seguridade, accesibilidade e autonomía das persoas usuarias.

Outros artigos

Este xoves 1 será unha xornada máis solleira e con vento do nordés

Comeza outubro baixo o dominio das altas presións, o que propiciará unha xornada de progresiva estabilización meteorolóxica e ausencia xeral de precipitacións. O día comezará con bancos de néboa e nubes baixas en diversos puntos do interior. Co avance da mañá esa...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.