
O vindeiro venres 27 de novembro o Pazo de Goiáns vai acoller unha xornada para informar ás familias sobre recursos axeitados que aplicar no camiño de garantir usos saudábeis e enriquecedores das novas ferramentas.
Será ás 18.30 horas no Pazo de Goiáns
A charla leva por título Móbiles, pantallas e redes. Claves prácticas para acompañar a nenos, nenas e adolescentes no mundo dixital e será impartida por Alberto Soler, psicólogo xeral sanitario, escrito e divulgador, no marco do programa Boiro en familia do Proxecto EnClave.
A actividade encádrase como dixemos nunha nova edición do Proxecto EnClave, programa municipal de educación, igualdade e saúde con actividades que se desenvolven nos centros de primaria e secundaria do termo.
Trátase dunha iniciativa pioneira e innovadora que naceu no ano 2021 a raíz das problemáticas detectadas na pandemia e que foi galardoado na pasada edición no IX Concurso de Boas Prácticas Municipais na prevención e intervención fronte ao absentismo e na mellora da convivencia escolar convocado pola FEMP e o Ministerio de Educación.
O Proxecto EnClave, no que o Concello inviste nesta anualidade 65.482,5 euros, traballa sobre as necesidades detectadas nos centros educativos como a saúde mental, o acoso escolar, a detección dislexia e TDA/H… proporcionando ferramentas ao alumnado e ás familias para solucionar posíbeis problemáticas e conflitos.




