A rapazada do lousamiá CPI Cernadas de Castro reparte “Igualdina”, entre a veciñanza un composto para acabar coa violencia machista

A praza Teodomiro Hidalgo de Portobravo acolleu este mediodía o acto central de conmemoración do Día Internacional contra a Violencia contra a Muller, organizado polo Concello de Lousame e que reuniu a case un cento de veciños e veciñas.
Entre os asistentes estaban 22 rapaces e rapazas do CPI Cernadas de Castro que, encabezados pola directora do centro Pilar Cobas, presentaron e repartiron un suposto medicamento contra a violencia, chamado “Igualdina”, entre as persoas asistentes.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, foi a encargada de ler o manifesto institucional contra a violencia de xénero na que lembrou ás 37 mulleres asasinadas este ano “polo simple feito de seren mulleres, asasinadas pola expresión máis extrema e brutal do patriarcado”.
Villaverde Pais tamén tivo palabras de lembranza para “os 4 menores asasinados na forma máis terrible da violencia vicaria e aso 24 nenos orfos pola violencia machista”.
A alcaldesa lousamiá dirixiuse especialmente ás mulleres, a quen instou a denunciar calquera tipo de agresión: “traballamos para manter e aumentar os recursos para combater a violencia de xénero. Cremos no respecto e na igualdade. Rexeitamos todo tipo de violencia. Queremos que as vítimas da violencia machista sintan o noso apoio e denunciamos estes feitos para que non queden no ámbito do privado”. Finalmente, Teresa Villaverde tivo palabras para as persoas máis novas, “a quen temos a obriga de transmitirlles o respecto á igualade entre mulleres e homes, entre persoas, defendendo unha sociedade xusta e igualitaria para todos e todas”.
Reparto de “Igualdina Forte 500”
Precisamente, a rapazada do CPI Cernadas de Castro presentou aos veciños e veciñas presentes un novo medicamento, denominado “Igualdina Forte 500” que, segundo explicaron “é un composto ideolóxico especificamente elaborado para acabar coa violencia machista. Cada comprimido contén: 500 mg de igualdade, 0 mg de discriminación e 0 mg de violencia contra as mulleres”.
Segundo a rapazada, “recoméndase o seu uso excesivo” xa que produce “alivio sintomático das sensacións de superioridade dalgúns homes sobre as mulleres. Tamén tende a eliminar a idea de que existe un dereito non escrito de control dos homes sobre as mulleres”. Un produto especialmente recomendado para “pacientes con falta de conciencia e de tolerancia.
Pacientes que xa foran causantes dalgún episodio de malos tratos e non se sintan culpables do dano feito. Pacientes con alerxia ao respecto, ao amor, á entrega plena sen esperar nada a cambio”. Iso si, advirten que “o emprego habitual de Igualdina pode convertelo nunha persoa respectada, chea de virtudes e un modelo a seguir polas persoas que o rodean”.