A información pública o anteproxecto de ampliación da estación de tratamento de auga potable da marxe dereita da ría de Arousa

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, somete a información pública o anteproxecto de ampliación da estación de tratamento de auga potable da marxe dereita da ría de Arousa, no concello de Padrón.

Trátase de actuar nas instalacións da rede de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, xestionadas desde o ano 2004 por Augas de Galicia, e que subministran auga aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga e Vilagarcía de Arousa.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de información pública do citado anteproxecto aos efectos da declaración da actuación como de interese da Comunidade Autónoma de Galicia e da súa aprobación definitiva.

As persoas e entidades que o consideren oportuno poderán formular as súas achegas nun prazo de 30 días hábiles contados a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/3q0fCai

Este sistema de abastecemento constitúe unha unidade funcional de carácter supramunicipal, que xustifica que a entidade hidráulica da Xunta este a tramitar a súa declaración de interese da comunidade autónoma, ao afectar a unhas instalacións que prestan servizo a varios concellos situados en dúas provincias, de xeito que calquera modificación ou mellora que se leve a cabo redundará no funcionamento e beneficiará á totalidade do sistema.

Esta actuación é susceptible de financiamento pola Unión Europea a través de Next Generation-EU, no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España.

O anteproxecto a exposición pública

Na actualidade, o caudal real de funcionamento da estación de tratamento de auga potable é superior ao caudal de deseño da planta, polo que Augas de Galicia estima necesario proceder á ampliación da capacidade de tratamento das instalacións co fin de solucionar as actuais limitacións, satisfacer as demandas de auga presentes e futuras e garantir o cumprimento dos parámetros de calidade das augas para o consumo humano esixidos pola normativa vixente.

Para satisfacer esta necesidade, a entidade hidráulica da Xunta redactou o anteproxecto que se somete agora información pública, no que se define unha estación de tratamento de auga potable para a produción dun caudal de 630 litros/segundo ou 54.532 m³/día.

Neste anteproxecto prevese o desenvolvemento das actuacións previas necesarias para manter durante a execución das obras o funcionamento da decantación, filtración e bombeo en alta. As obras incluirán tamén a ampliación da liña de auga e de lodos, a instalación de elementos auxiliares, a impermeabilización e reparación dos depósitos de cabeceira e a instalación de equipos de medición destinados a optimizar a xestión da totalidade do sistema.

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que presten de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal.