A ABE concede a José María García Sánchez o Premio de Honra da asociación

A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) vén de comunicar a identidade da persoa destinataria do Premio de Honra da entidade, unha distinción coa que se quere reivindicar, visualizar e recoñecer os esforzos despregados polo empresariado local asociación a prol do emprendemento no concello, a riqueza e mailo emprego. En concreto, decidiuse outorgar a dita distinción a José María García Sánchez.

Respecto dos restantes premios anuais, a patronal lembrou a finalización do prazo para que os socios e socias da ABE escolleran aos gañadores, rexistrándose “unha altísima participación nas votacións”, xa que se bateron todos os récords acadando a cantidade de 660 votos, case 200 mais que na ultima edición. En canto as curiosidades a asociación salientou que na categoría de mellor comercio ata 55 empresas diferentes recibiron votos e na de mellor empresa 52.

As empresas premiadas e os finalistas desvelaranse durante a gala de entrega de premios.

Premio de honra

Está é unha categoría nova nos premios ABE. Un premio que decide a xunta directiva da asociación e que trata de poñer en valor a traxectoria dun empresario ou empresaria na que a súa xestión representara un exemplo para os emprendedores da localidade e que a empresa que lidera tivera xerado riqueza e emprego en Boiro. Valóranse ademais actuacións no plano da Responsabilidade Social Corporativa (RSE) e a colaboración co tecido social e cultural do municipio

Como dixemos, nesta primeira edición o galardón recaerá en José María García Sánchez, propietario de García Sánchez Boiro, S.L. que desenvolve a súa actividade como firma de seguros e xestora inmobiliaria

A directiva argumentou os seguintes motivos para a elección deste gañador:

-Pola súa capacidade de reinvención e resiliencia en momentos de crise.

-Pola súa traxectoria ao fronte dunha das empresas mais recoñecidas da localidade acadando unha carteira de mais de 4.000 clientes.

-Por seguir ao fronte do mesmo negocio durante mais de 40 anos.

-Pola súa aposta pola sostibilidade e a responsabilidade social corporativa desenvolvendo numerosas campañas neste eido.

-Pola súa implantación no territorio e a colaboración con numerosas entidades e colectivos sociais, culturais e deportivos.

Gala de entrega de premios

A gala celebrarase o vindeiro 18 de novembro a partir das 20:30 hs na Pousada da Galiza Imaxinaria. Escolleuse esta localización para contar cun espazo amplo que, en palabras da ABE, “nos permita ter mais aforo, cumprir con todas as medidas de seguridade e tamén visibilizar o apoio da asociación ao colectivo do ocio nocturno, un dos mais prexudicados durante a pandemia”. A presentación do acto recaerá no actor, director, adaptador teatral e narrador de contos Quico Cadaval.

A entrada é exclusivamente con convite e contarase con photocall, música, pinchos e coa presenza do tecido empresarial local na que será a” festa dos empresarios de Boiro”.