O PsdeG-Psoe convoca debate entre candidatos para este mércores

O comité organizador do Congreso do PSdeG convoca o debate entre os dous candidatos á secretaría xeral do PSdeG para o mércores, día 27, na sede do partido na compostelana Rúa do Pino.
Esta convocatoria segue o previsto polo regulamento do Partido sobre a celebración de primarias, no que consta que “as candidaturas deberán obrigatoriamente celebrar debates entre si nos termos que estableza o comité organizador, previa consulta cos representantes das candidaturas”.
A convocatoria deste debate foi trasladada xa aos representantes das dúas candidaturas, ás que tamén se informou sobre o interese amosado por distintos medios de comunicación para albergar otros debates entre ambos aspirantes.
Nunha primeira comunicación por parte deste comité organizador, o pasado 19 de outubro, formulouse aos candidatos a posibilidade de celebrar o debate do Partido entre os días 22 e 25 de outubro. Dous días despois, o 21 de outubro, trasladouse de novo unha comunicación a ambos equipos para requirir con urxencia as súas propostas
sobre a data do debate, a organización do mesmo e os bloques temáticos.
Ante a falla de concreción por parte dunha das candidaturas e a premura dos prazos, a menos dunha semana para que se celebren as votacións para elixir o futuro secretario xeral, o comité organizador decidiu pechar xa a data e convocar aos dous candidatos a un debate na sede do PSdeG.
O comité organizador recollerá agora as propostas dos equipos das dúas candidaturas para pechar os bloques temáticos, a persoa que realice a moderación e a hora do debate, que será trasladada aos medios de comunicación. O debate será emitido por streaming a través das redes sociais do PSdeG.

www.psdeg-psoe.gal

Twitter: @psdeg

Facebook: PSdeG