O BNG homenaxea aos Mártires de Nebra no Son

O BNG lembrou nun acto público aos Mártires de Nebra, a revolta de veciños e veciñas de Porto do Son que en 1916 se rebelaron contra o pago dun imposto que afectaba de cheo non seu medio de vida, que non era outro que a actividade agraria. O poder replicou coas armas causando mortos e feridos entre a veciñanza, nunha revolta agraria que para o portavoz parlamentario de Memoria Histórica, Luís Bará, é un exemplo do “xene rebelde” dos galegos e das galegas, que racha a imaxe construída desde fora dun pobo que non “pasivo”.

“Tanto a revolta de Nebra como tantas outras, a de Sofán, Sobredo, Tui, Xubia, pasando polas grandes mobilización obreiras da II República, a guerrilla antifranquista, as mobilizacións contra a ocupación dos montes comunais na ditadura, etc. Son exemplos evidentes que botan por terra esa imaxe de sociedade pasiva e calada, mobilizacións moitas delas protagonizadas por mulleres”, argumentou Bará.

O deputado nacionalista subliñou que a loita en defensa do territorio suma tamén moitos movementos de reivindicación, e aí esta a loita contra o encoro de Castrelo de Miño, a mina das Encrobas, en defensa das marismas de Baldaio ou as grandes mobilizacións de Xove, do barco O Xurelo “que remataron en grandes vitorias contra a enerxía nuclear”.

En xa en tempos máis recentes, ese xene rebelde “estaba presente na gran mobilización, motivo de orgullo nacional, que foi Nunca Máis, expresión da dignidade dun pobo e dunha Galiza que se rebelou contra a marea negra e tamén contra os gobernos incompetentes”, explicou Bará, quen citou como loita máis recente a recuperación do Pazo de Meirás, “que pon de manifesto a determinación e a coraxe dun pobo que cando se mobiliza e traballa unido é imparable”.

No acto de homenaxe aos Mártires de Nebra, Bará, experto e divulgador en temas de memoria histórica, subliñou que ese ano, 1916, foi un ano de “nacemento” do nacionalismo galego coa aparición das Irmandades da Fala, que deu paso a dúas décadas “prodixiosas” pilotadas por unha xeración “irrepetible”, pois puxo en marcha “o maior proceso de avance e modernización da historia do País, que tivo como fitos a fundación do Partido Galeguista e a aprobación do Estatuto en referendo”.

Bará reivindicou o papel da historia como “manual de instrucións para construír o porvir”, porque tamén como en 1916, hoxe a sociedade está “nun tempo de grandes escollas acelerado pola pandemia, tempo no que temos que decidir se nos resignamos ou, botando man dese xene rebelde, reaccionamos para ganar o futuro, se nos resignamos a aceptar o devalo demográfico, económico e democrático ou loitamos por un País que decida o seu futuro; un momento no que temos que decidir se asumimos o desmantelamento dos servizos públicos ou os defendemos, se plantamos cara ao espolio dos nosos recursos, da nosa enerxía, do noso aforro”.

En definitiva, subliñou Bará na súa intervención, se seguimos o exemplo rebelde que fai máis dun século amoso un grupo de veciños e veciñas en Nebra e apostamos por defender unha Galiza dona do seu futuro. “É o momento de activar ese xene rebelde e escribir, entre todos e todas, as páxinas do noso futuro”, concluíu.