A Xunta de Galicia elaborou un Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria que prevé a posta en marcha de 37 centros de saúde e a ampliación ou reformas noutros 14 xa existentes. En total, serán 51 actuacións divididas en tres fases.
O Sergas dadas as necesidades asistenciais, decidiu crea centros novos en Noia, Porto do Son e Ribeira.

Trátase do primeiro documento reitor que funciona a modo de plan director para marcar unha folla de ruta a medio prazo na planificación das infraestruturas sanitarias de primaria, do mesmo xeito que se fixo coas educativas, as xudiciais ou as hospitalarias.
Co remate neste mes de outubro da obra de construción do centro de saúde de Bouzas (Vigo) e das obras de reforma dos centros de saúde de Mugardos e Bertamiráns (Ames) conclúe un período de catro anos en que se completaron máis de 20 obras en centros de primaria. A Xunta ten neste momento só dúas infraestruturas de atención primaria en
proceso de construción (CIS de Lugo e CIS de Lalín) e tres reformas en disposición de comezar antes de que remate este ano (ampliación do centro de saúde do Porriño e reformas dos centros de saúde da Arnoia e Ribadavia).
Neste contexto, a Xunta de Galicia tomou a determinación de que é o momento de impulsar un Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria que sirva a xeito de plan director do investimento futuro nesta rede de centros, deseñando así unha folla de ruta que centre as prioridades a curto e medio prazo e cumprindo un mandato
parlamentario do último debate do Estado da Autonomía, en que se aprobou unha resolución ao respecto.
A elaboración deste plan aliñase coa estratexia de transformación que a Xunta está a desenvolver na atención primaria a través do documento estratéxico “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”. Así, o Executivo galego está a apostar pola potenciación da atención multidisciplinar, do traballo en equipo e o desenvolvemento en
plenitude das competencias de cada categoría profesional implicada neste nivel asistencial, cunha vocación de impulso á saúde comunitaria.
A aprobación deste documento posibilita deixar claras as prioridades do Sergas, axudando a centrar esforzos dos servizos de ordenación asistencial, obras, supervisión de proxectos, contratación e patrimonio, para poder traballar coa certeza dun horizonte a medio prazo, así como das administracións locais que, co coñecemento deste plan e das características do centro proxectado no seu municipio, poden ir traballando nos trámites patrimoniais e urbanísticos co fin de poñer á disposición do departamento sanitario galego os terreos necesarios para a construción dun centro que xa teñen a garantía de que é prioritario para a Xunta.
Do mesmo xeito, e como complemento a este plan, redefiniuse un documento de normas de deseño e construción de centros de saúde, xa que o deseño dos centros sanitarios ten tamén un papel fundamental na súa funcionalidade. Estas normas son froito de toda a experiencia adquirida tanto na construción como no uso de todas as infraestruturas, e unifican estándares técnicos co fin de facilitar a elaboración de proxectos de centros de saúde.
O documento de normas inclúe criterios arquitectónicos homoxéneos de superficie, estrutura e características para as áreas asistenciais e de traballo dos distintos centros de primaria, así como estándares de equipamento e mobiliario de cada un destes espazos e normas comúns sobre os criterios construtivos, as instalacións e as urbanizacións, ademais de criterios de sustentabilidade ambiental da infraestrutura.

Tres fases
Os criterios que se tiveron en conta para establecer a priorización destas futuras actuacións foron tanto técnicos como asistenciais, valorando circunstancias como a antigüidade dos actuais centros ou o seu estado de conservación, así como as carencias funcionais e operativas que as áreas atopan neles para adaptalos ás necesidades actuais de asistencia sanitaria.
Ademais, en colaboración co Instituto de Estudos do Territorio detectáronse mediante mapas de isócronas as áreas de maior poboación máis afastadas dun centro hospitalario e, por tanto, candidatas á instalación dun centro integral de saúde (CIS), o que determinou o impulso de tres novos CIS nas comarcas de Bergantiños, O Morrazo e O Baixo Miño, situados en Carballo, Cangas e A Guarda.
O plan abordado no Consello da Xunta distribúese en tres fases. Unha fase 0, en que figuran aquelas dez actuacións que xa comezaron a súa tramitación pero nas cales aínda non se licitaron as obras, que son nove centros novos (Abegondo, Santa Lucía na Coruña, Antas de Ulla, CIS de Ourense, A Rúa, Moaña, Soutomaior, Vilagarcía de Arousa e CIS de Vigo); ademais da reforma do centro de saúde de Conxo (en Santiago).
Unha fase 1, en que figuran 21 actuacións identificadas como máis urxentes polo Sergas dadas as necesidades asistenciais, que son, 14 centros novos (Noia, Porto do Son, Ribeira, Sagrado Corazón en Lugo, Pantón, Ribadeo, Boborás, O Carballiño, Muíños, Caldas de Reis, CIS de Cangas do Morrazo, O Grove, CIS de A Guarda e Poio); e sete reformas (Carballo, para a súa conversión en CIS), Cedeira, Culleredo (Acea de Ama), A Milagrosa en Lugo, Meira, Outeiro de Rei e Moraña.
Unha fase 2, na que figuran outras 20 actuacións identificadas como estratéxicas e que se queren iniciar na segunda metade desta lexislatura, que son 14 centros novos (Fene, San Xoán en Ferrol, Fisterra, Malpica de Bergantiños, Teo, Becerreá, Guntín, Allariz, Montederramo, Mariñamansa (Ourense), Barro, Meis, Mos e Ponteareas); e seis reformas
(Vimianzo, Foz, Praza de Ferrol en Lugo, Ribas de Sil, Viana do Bolo e O Rosal). Cómpre sinalar que os orzamentos da Xunta para 2022 xa prevén partidas para desenvolver este plan, en concreto, para iniciar as obras da fase 0 (2,3 millóns para o CIS de Vigo; 1,5 para o CIS de Ourense; 1 millón para Santa Lucía (A Coruña); 930.000 euros para Moaña, 700.000 para Abegondo; 400.000 para Antas de Ulla e 400.000 para A Rúa). Tamén prevén 800.000 euros para licitar proxectos entre os que estarán Soutomaior e Vilagarcía, por ter asignados protocolos e identificadas as parcelas, e nos
cales podería entrar calquera outro novo centro proxectado no Plan se o concello ofrece parcela e asina o preceptivo acordo de colaboración. Así mesmo, recollen 2,65 millóns para licitar obras de reforma da fase 1, que non necesitan de colaboración municipal xa que son sobre edificios do Sergas.
Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, preto de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención
primaria.