“Reformar a política pesqueira común”. Antón Luaces

Unha folla de ruta da pesca europea vai poñer, branco sobre negro, unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) que, a proposta da Xunta de Galicia, tentará acadar a igualdade, a sustentabilidade e a remuda xeracional, tres obxectivos que Galicia, por sí soa, non pode lograr se, como dixo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tal reforma debe dar paso a unha política pesqueira forte para defender os intereses do sector ante terceiros países e que todos desenvolvan a súa actividade de xeito equitativo. 
Esa nova PPC debe contemplar, dixo Quintana, medidas que melloren as condicións de vida a bordo dos buques e a adecuación da formación para facer a actividade marítimo-pesqueira máis atractiva para a xente nova; a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global.

Esta formulación da Consellería vai ser debatida co sector co ánimo, disque, de reforzar esas suxerencias. A partir de aquí, o Executio galego buscará aliarse con outras rexións europeas para presentar unha proposta común. Destas xestións informará aos representantes galegos nas cámaras autonómicas, estatais e europeas e buscará apoios nas principais entidades pesqueiras da UE.Non pretendo, nen moito menos, falar de castelos de area semellantes aos que todos levantabamos nas praias canda nenos; mais pola súa experiencia -tamén polos seus anos- coido que Rosa Quintana formula unha outra vez desexos que sabe non vai poder cumprir porque, evi9dentemente, non está na súa man e de xeito exclusivo, a responsabilidade de aplicar esas medidas que pretende para chegar ao seu obxectivo. Todo isto, sen sair da propia península Ibérica.

Para ser forte a proposta de Galicia, a de Quintana, debe contar coa contribución, cando menos, das comunidades marítimas peninsulares (e insulares) e, a día de hoxe, aínda por debater, nen siquera dispón dun apoio asegurado das cantábricas. Porque, imos ver: cantos intereses para bascos e cántabros de carácter inalienable está decidida Rosa Quintana a pór de riba da mesa, a que debe renunciar Galicia -e obrigaría a seguila a Asturias- para se concederen as primeiras mostras de apoio?. Cal é a conexión desa política que ansía a nosa conselleira coa que desempeñan os cataláns; que puntos desa política aínda por definir, nos vinculan ás frotas levantina e andaluza?. Trascendendo dos límites peninsulares, cales son os vínculos que fan forte a polìtica pesqueira a deseñar que vinculen a Galicia con Canarias e Baleares?…

Non é un falar por falar, pero no mesmo marco peninsular, onde conxugamos os mesmos intereses marítimo-pesqueiros España e Portugal que poidan facer que españois e portugueses camiñemos xuntos polo carreiro do entendmento que nos poida considerar a igualdade, a sustentabilidade e a remuda xeracional á hora dr presentar diante da UE unha proposta desas características e con intereses contrapostos con Francia, Italia, Alemaña, Irlanda, etc.   

Porque un problema de pouco doada solución é, precísamente, o que a propia conselleira formula: “É fundamental ter unha política pesqueira forte para defender os intereses do sector ante terceiros países e que todos desenvolvan a súa actividade en igualdade de condicións”. Cando non somos quen de sustanciar UNHA  polìtica pesqueira en España,imos amañar as cousas como para que a UNION sexa europea en materia pesqueira?.

Oxalá, conselleira. Particularmente deséxolle sorte, que a vai precisar neste empeño. E si de todo isto sae unha AXEITADA RESPOSTA COMUNITARIA, parabéns.