“A banca vai, as necesidades volven”. Antón Luaces

Está a lle facer un favor a ABANCA o goberno galego cando pon nas mans desta entidade bancaria 2,8 millóns de euros por “colocar” caixeiros automáticos nas poboacións de Galicia nas que, previamente, pechou as oficinas de seu herdadas en boa medida da antiga estrutura de Caixanova e Caixagalicia, fusionadas en Novacaixagalicia antes de seren absorbidas polos cartos dun empresario venezolano?. 
Os 1.000 millóns de euros pagados para tapar con leve pano os 9.000 millóns que o Banco de España da por prácticamente perdidos e que serviron para rescatar a rede de caixas de aforros que serviron de eixo á actual ABANCA para crear o seu imperio galego, están máis que amortizados polos beneficios acadados : máis de 3.000 millóns en 7 anos, servidos euro a euro por unha carteira de clientes tan leal que, en ocasións, máis semellamos sermos ovellas que, polo carreiro do matadoiro, servimos para que medren aqueles que castigan aos que se entregaron en corpo e alma a unha entidade bancaria que idealizamos coas cores da bandeira galega, o idioma galego e a Carmiña que nos daba a benvida desde unha vidrieira azul e branca. ABANCA pechou ata o de agora un total de 92 sucursais e anuncia outros novos ao longo dos tres meses e medio que quedan deste ano 2021. No rescate dos cidadáns afectados veu a Xunta, pagando por ferraxes e maquinaria case que 3 millóns de euros como se con este diñeiro non beneficiara os plans de peche de ABANCA. O mesmo vai facer Correos que, tentando recuperar unha función perdida vai anos con Caja Postal de Ahorros ou Correos-Argentaria -entidade bancaria da que se beneficia a banca privada- asume a posibilidade de servir á cidadanía na dependencia económica desta en lugares nos que xa resulta impensable recuperar as oficinas -dotadas de persoal- de ABANCA. ABANCA herdou das vellas caixas de aforro galegas – as de Ourense, Lugo, Ferrol, Pontevedra, A Coruña, Vigo, finalmente fusionadas todas na Novacaixagalicia- un total de 548 oficinas que, en xuño pasado, xa quedaran reducidas a 456. E máis que reducirán!.Peseta a peseta, peso a peso, euro a euro, as caixas de aforro galegas -algunhas delas arrastrando o herdo do Monte de Piedad- foron criando léndas ou quenllas financeiras que, primeiro na Coruña e posteriormente en Vigo, souberon absorver as esencias mesmas dun sentimento ata certo punto galeguista, imbuídos como estabamos da necesidade de facer algo por constituirmos senon unha banca galega sí polo menos unhas Caixas netamente de Galicia que crearan atrancos á expansión que en Galicia realizaban bancos de toda caste e nacionalidade.Agora, ABANCA pecha oficinas nas que os máis descoñecedores dos intríngulis bancarios acadabamos solucións para a nosa problemática grazas ás atencións do persoal que nelas había. Agora, ABANCA abre a todos nós a posibilidade da banca electrónica, como solución de continuidade que xa se ofreceu cando os ordenadores substituiron as máquinas de escribir e a tarxetas de plástico substituían, á súa vez, a aquel empregado máis ou menos amable que nos atendía desde un mostrador que non separaba ou afastaba a ninguén.Agora sí: ABANCA rexeita o contacto persoal, o bis a bis co que tan ben nos entendiamos coa banca. Pechan as portas, eliminan o sorriso, o saúdo. E ata o papel de carta. Como eliminarán tamén a “cartilla” persoal que empregamos cada vez que temos a sorte de, aínda,  cobrar o salario, a pensión…Certamente, ABANCA NON SABE O QUE PERDE. Porque deste xeito non se enche Galicia: valéirase.