“Topes, denuncias e bos prezos para o bonito”. Antón Luaces

Dicía hai un par de días un veterano mariñeiro galego, a respecto da xa finiquitada costeira do bonito de 2021 e as datas de apertura e peche da campaña deste ano,  que “houbo anos nos que, para pescar bonito, había que navegar ata o bordo sur de Irlanda. Este ano, co bonito a 10 millas da costa, moitos boniteiros entraban todos os días a descargar”. Deste xeito, argumentaba, “a diferenza de anos atrás e polo uso de determinadas artes péscase normalmente dende o primeiro día de campaña”, cando o que antes acontecía era que os barcos que participaban ca nosteira comezaran esta capturando moi poucas pezas cada día e incrementando as capturas ao cabo dunha semana. Tamén os barcos se incorporaban  en datas moi dispares á costeira: os de Burela, por exemplo, viñan ser os últimos porque agardaban á celebración das festas do Carmen, de carácter local, para integrarse nos traballos de pesca do coñecido como “Príncipe Azul” cando os demáis barcos xa andaban na súa percura perto dos Azores, uns, e no Golfo de Biscaia, outros.

Para o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a costeira do bonito pecha cun valor positivo na lonxa e prezo medio que se mantivo nos niveis do ano 2020, situándose en 3,67 euros o quilo.A cota de atún branco do norte ou bonito establecida para España foi de 17.397 toneladas, cifra esgotada.

Para moitos mariñeiros galegos o feito de que se peche tan cedo a costeira do bonito non ten máis explicación que a práctica da denominada pesca olímpica pola que cada boniteiro mete no parque de pesca todo o que as mandas de peixe lle permiten e sempre apresa.

Na costeira en augas do Cantábrico Noroeste participaron 278 buques de pavillón español autorizados. Desenvolvéuse con normalidade durante os meses de primavera e verán (período que abrangue dende maio ata outubro, en función do consumo da cota) e o valor acadado en lonxa foi, como  informa o Ministero, positivo, cun prezo medio ascendente dende 2018, e nos mesmos niveis de 2.020 (3,67 euros o quilo) que supuxeron unhas vendas estimadas provisoriamente en arredor dos 63 millóns de euros, un millón e medio máis ca en 2020.

O País Basco é a comunidade autónoma con maior peso na costeira do bonito, cunhas vendas por valor de 25 millóns de euros, seguida de Cantabria, Principado de Asturias, Galicia e Canarias.Ao longo da campaña realizóuse o control de desembarque en portos, con 94 inspeccións a embarcacións, tanto de pavillón español como a arrastreiros peláxicos irlandeses e franceses, nas que se detectaron 9 presuntas infracións. 

Dende xuño ata agosto, patrulleiros da Secretaría Xeral de Pesca operados pola Armada (o P-63 “Arnomendi”, e o P-64 “Tarifa”, con inspectores de pesca a bordo, levaron a cabo misións marítimas  con especial seguimento e control, segundo o propio Ministerio, á  frota de arrastre peláxica francesa e irlandesa, con 26 inspeccións en total, nas que se detectaron 3 presuntas infraccións.

A este respecto, a Coordinadora Ecoloxista de Asturias denunciou na Consellería de Medio Rural do Principado a presenza de arrastreiros pescando a menos de 12 millas no entorno do Cabo Peñas, nas costas asturianas. En concreto, dous arrastreiros franceses que “faenaban arrastrando a menos de 12 millas en plena tarde, varios días da pasada semana á altura do Cabo Peñas”, segundo información do xornal de Oviedo La Voz, que engade que se poido constatar a posición satelital destes buques, “polo que solprende que o Principado, dentro do seu marco competencial, o permitira”.

Como xa é sabido, a pesca con redes peláxicas está prohibida por España a menos de 12 millas -mesmo para os barcos comunitarios que, como os franceses e irlandeses que sí empregan nos respectivos países este tipo de aparello- debido a que no arrastre peláxico atrapan e arrastran todo o que se pon ao seu  alcance. Amáis, xeran moitísimo descarte. Como arte, non é sustentable porque esgota os caladoiros e os ecosistemas mariños.