Santiago Llovo presenta hoxe xoves o seu libro sobre a salgadura de Corrubedo no remodelado Centro Social da parroquia

O escritor e historiador compostelán (pero fortemente vencellado á nosa comarca) Santiago Llovo Taboada vai presentar este xoves 12 de agosto o seu novo libro que, baixo o título As fábricas de Corrubedo, é o froito dunha pormenorizada investigación sobre a industria da salgadura existente na devandita vila e na súa contorna. O acto será este xoves ás 19.00 e, amais de para presentar o novo libro de Llovo, servirá para estrear o novo espazo multiusos resultante da ampliación do Centro Social de Corrubedo (antiga escola unitaria). A entrada é gratuíta e o aforo limitado tendo en conta os protocolos anti-COVID.

Contará coas intervencións da conselleira do Mar, Rosa Quintana; o alcalde Manuel Ruiz; Lucila Ventoso como directora de Andavira Editora, e o propio autor.

Santiago Llovo nunha imaxe de arquivo participando na presentación dun libro seu en Ribeira

Santiago Llovo, a quen tivemos o pracer de entrevistar hai un ano con motivo da presentación do seu libro previo sobre a industria da salga en Porto do Son, é un profundo coñecedor da historia desta industria tan relevante para o noso despegue económico, social e cultural, á que xa lle dedicou outros libros como As salgaduras de Carnota, Memoria salgada dun pobo ou A salga no Son, amén doutros volumes tan interesantes como Anaquiños da historia do concello de Muros, Mar de Outes, O Freixo de Sabardes e Contra el mar y el viento, este último presentado no Centro Cultural Lustres Rivas ribeirense hai agora dous anos (na imaxe).