Santiago Llovo: “Quixen salvar da desmemoria a interesantísima información que sobre o salgado de peixe no Son permanecía agochada nos arquivos”

27 Agosto 2020

O autor do libro, á dereita, na presentación celebrada en Porto do Son

Os días presentouse en Porto do Son e Portosín o resultado dunha exhaustiva investigación sobre a industria da salgadura de peixe no concello e sobre os moitos vestixios, moitos deles visíbeis e vixentes, que deixou na contorna esta importante actividade económica ligada á nosa costa. Estamos a falar do libro A salga no Son, do escritor e historiador Santiago Llovo Taboada, achegado ás librarías por Andavira Editora.

No transcurso do acto, Llovo fixo saber que a publicación que agora presenta é unha guía das plantas de salgado que houbo no concello, un total de 45 inventariadas, das cales boa parte estaban situadas no casco urbano do Son, máis de dúas ducias delas. Nós quixemos saber máis detalles sobre este importante legado, non sempre entendido nin valorado como se merece. Santiago fálanos nesta entrevista sobre a diversa incidencia que tivo a industria no concello (en Portosín máis que en Porto do Son) e sobre a importancia de preservar a memoria que nos deixaron os fomentadores.

-Onde pon o punto de vista o libro, nos fomentadores da salgadura, nas pegadas que deixaron (as fábricas, os almacéns, a rica arquitectura vencellada a esta actividade económica) ou na xente de Porto do Son que traballou no sector durante centos de anos?

-Este libro ven a ser una guía sobre as 45 salgaduras que houbo no Concello de Porto do Son. Nel atoparase información detallada sobre onde estaban, cando e quen as ergueu, e cando deixaron de operar. Por tanto, incide máis na propia infraestrutura e no que queda dela, na procura de manter vivo o recordo do que significou para a contorna e de conservar o que queda delas.

-Foi importante para o concello de Porto do Son a industria de salgadura? Aínda podemos rastrexar esa importancia?

-Por suposto, de igual xeito que noutras partes da nosa Galicia costeira, o salgado de peixe de xeito industrial que trouxeron os inmigrantes cataláns á beira mar sonense, foi o xerme do seu desenvolvemento industrial e social. Porén, a importancia desta industria para as diferentes parroquias do concello foi moi diferente. Así como para Goiáns-Portosín foi determinante, xa que antes de que os cataláns erguesen alí as súas salgaduras Portosín non existía como unidade poboacional, para a vila do Son non o foi tanto, antes de que viñeran xa se pescaba e salgaba peixe, e despois tamén.

Outro intre da presentación do libro publicado por Andavira

-Como tería sido O Son e a nosa comarca se non tiveran chegado os fomentadores e impulsado esta industria pesqueira?

-Malia que os fomentadores cataláns, e tamén nativos, cometeron abusos para implementar os seus novidosos métodos de entender pesca, o salgado e a súa comercialización, ao meu entender trouxeron riqueza e progreso á contorna.

-Como cre que ve a sociedade actual a influencia dos fomentadores cataláns e vascos? Predomina o punto de vista positivo? É certo que cando chegaron non recibidos precisamente cos brazos abertos?

-Na actualidade a súa influencia no Concello do Son quedou reducida á presenza dos restos das súas vellas salgaduras, auténticas cápsulas do tempo e memoria viva do seu esplendor e da súa decadencia. En canto á súa aterraxe pola beiramar sonense, a finais do século XVIII e principios do XIX, non foi doada. Cómpre lembrar que, fundamentalmente polo uso da famosa xábega, tiveron moitos problemas cos matriculados do poderoso Gremio do Mar, por iso se estableceron primeiramente en lugares despoboados como Punta Cabalo, Gafa, Portosín, A Aguieira ou Baroña. Malia todo, a principal problemática do seu establecemento foi a transformación da sociedade. Os pescadores deixaron de ter lanchas de seu, para converterse en asalariados.

-Fálenos do libro en si mesmo, de cales foron os obxectivos desta investigación. Canta investigación (e cantos meses de traballo) houbo detrás da súa materialización?

O ano e medio de investigación e redacción que me levou este libro ten o obxectivo de salvar da desmemoria a interesantísima información que sobre o salgado de peixe no Concello do Son permanecía agochada nos arquivos e, sobre todo, preservar para as xeracións futuras as lembranzas dos nosos maiores antes de que nos deixen.

Outros artigos

A mostra “Do mar e da terra” da Deputación pódese ver en Portosín

A sala de exposicións da Casa da Cultura de Portosín acolle estes días a exposición Do mar e da terra, con entrada libre. Trátase dunha mostra itinerante impulsada pola Deputación da Coruña coa que se busca difundir exemplos concretos e reais de innovación, calidade,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“De cuentos y cuentistas”. José Antonio Constenla

“De cuentos y cuentistas”. José Antonio Constenla

La vicepresidenta primera del Gobierno y ministra de Hacienda, María JesúsMontero, ha justificado la intervención de Moncloa en el relevo del presidentede la empresa Telefónica, en que “tocaba el proceso de renovación” y por quées muy importante que España cuente con...

“Aprende del ejemplo” – Manuel Domínguez

“Aprende del ejemplo” – Manuel Domínguez

Una Goleta, con tres palos, Trinquete, Mayor y Mesana, cada palo aguanta su vela. Así funciona y así navega, un palo no aguanta la vela que no le corresponde, cada quien aguanta la suya. Así pues, no es eficaz, que una persona transporte los problemas de otra, podrás...