O Cantón da Leña, na Pobra, acolle esta semana dous espectáculos culturais de impacto

O Cantón da Leña, na Pobra do Caramiñal, segue sendo nesta recta final de agosto un dos grandes epicentros culturais da nosa comarca. Ao abeiro do programa Verán Cultural, o martes 24, ás 20.00 horas, Assircópatas ofrecerá con Abracadaver unha función de circo “terrorificamente divertida”. Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

E adscrito ao programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, Fantoches Baj achegará no xoves 26, ás 20.00 horas, Os romeiros do caracol, que relata a historia dos irmáns Quintá que percorren o camiño de volta de Santo Andrés de Teixido á súa casa despois de cumprir a ofrenda que lle prometeran ao seu defunto avó de levalo a Santo Andrés en forma de caracol, xa que non fora de vivo. O espectáculo está baseado na obra Romarías e Santuarios de Galicia de Antón Fraguas.

Ámbalas actividades son de balde e as prazas cubriranse por orde de chegada ata cubrir a cabida.