Mellora a incidencia acumulada da covid en Galicia, ao tempo que baixa o ritmo de novos contaxios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou que a incidencia da covid na nosa comunidade está en tendencia á baixa, posto que descende o ritmo de novos contaxios, mellora a incidencia acumulada e baixa a positividade nas probas diagnósticas. Ao respecto, fixo un chamamento a seguir cumprindo as normas, posto que xa vai quedando menos para conseguir a inmunización da poboación. A melloría dos datos, -dixo o conselleiro-, permite que só un concello estea en nivel máximo, e que Santiago e Ourense deixen o nivel alto e pasen ao medio.
Así, tal e como sinalou García Comesaña, un total de 1.805.927 persoas teñen xa en Galicia a pauta completa, e incidiu en que a nosa comunidade administra máis do 99% das doses que recibe, e lamentouse de que Galicia non dispoña de máis vacinas. Xunto ao anteriormente destacado, dixo que o 94,4% da poboación galega maior de 40 anos conta coa pauta completa, a segunda comunidade neste apartado.

O conselleiro apelou a manter o esforzo para conter o virus, especialmente nestas datas de verán nas que hai moitas festas populares. Tamén recordou que as festas nas vivendas privadas están prohibidas.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, destacou a situación de mellora apuntada polo conselleiro, como o reflicte o feito de que a incidencia acumulada a sete días descende un 13% e a 14 días un 14%. Tamén descende a taxa de positividade nun 7,5%. Remarcou, igualmente, o importante número de probas diagnósticas realizadas a semana pasada, máis de 78.000, o que supón 2.900 por cada 100.000 habitantes, cando a media de España é de 2.300.

Subliñou, Carmen Durán, en que, por grupos de idade, a incidencia tamén descende no colectivo de 12 a 29 anos, e remarcou a aposta do Goberno galego pola realización dos cribados. Ao respecto, 18.000 persoas foron as convocadas a semana pasada, asistindo un 62% delas e detectándose 223 positivos, sendo a porcentaxe de positividade menor que en semanas pasadas. Esta semana están convocadas a cribados, -dixo a directora xeral-, outras 10.000 persoas.

Respecto das variantes da covid, a directora xeral remarcou a circulación maioritaria da variante delta, cun 82%.

O xerente do Sergas, José Flores, detallou a situación asistencial da rede de centros sanitarios, sinalando que hai un aumento contido da presión, á espera de que se nota en vindeiras semanas o descenso da incidencia acumulada indicada pola directora xeral de Saúde Pública. A ocupación en uci dos pacientes covid é do 12%, e en hospitalización do 4,6%.

O membro do comité clínico, o doutor José Luis Muíño, remarcou que se observa que os novos contaxios danse nas persoas máis novas, que non están exentas de que ingresen nos hospitais ou que teñan covid persistente. En consecuencia, a mocidade debe evitar tantos contactos sociais e, en caso de facelos, deben realizalos coas medidas preventivas por todos coñecidas, -remarcou-.