En marcha unha experiencia que ofrece paseos virtuais no fondo mariño das illas Atlánticas

Os visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas poderán gozar de paseos virtuais baixo o mar grazas a unha iniciativa posta en marcha co apoio da Xunta (que subvenciona o programa a través do Parque Nacional e tamén do Xacobeo 21-22) e que arrinca este xoves 12 nas Cíes. Trátase dunha experiencia innovadora e pioneira no ámbito da divulgación turística e o coñecemento do medio, explicou o Goberno galego.

O faro da illa de Sálvora

As persoas interesadas poderán participar nesta iniciativa de forma completamente gratuíta. Para iso, terán que inscribirse presencialmente o mesmo día da visita na caseta de información localizada nas illas Cíes.

A cooperativa galega 13 graos, especializada en educación ambiental para a divulgación do medio mariño, encargarase de dirixir a actividade, que será posíbel grazas ao emprego de ROVS (drons submarinos controlados por operador) con capacidade para transmitir en tempo real as imaxes do fondo do mar que van captando ao longo do seu percorrido.

A Xunta informou de que aquí a finais de agosto e durante a primeira quincena de setembro ofreceranse un total de 60 pases (56 en Cíes, dous en Ons, un en Sálvora e un en Cortegada) cunha duración de entre 45 e 60 minutos (de xoves a sábado polas noites e de xoves a domingo en horario de mañá).

As sesións diúrnas están pensadas para grupos de catro persoas ás que se lles facilitarán gafas de Realidade Virtual ou tabletas para poder gozar da experiencia de mergullo sen necesidade de meterse na auga. O paseo virtual irá acompañado dos comentarios dunha especialista que axudará a interpretar en tempo real as imaxes e achegará información sobre a riqueza, a biodiversidade e as características dos fondos das Illas Atlánticas e “a importancia da súa conservación”.

Polo que respecta aos pases nocturnos, “a dinámica será diferente xa que están pensados para proxectar nunha pantalla instalada no peirao de Rodas ou na propia praia, dependendo das condicións meteorolóxicas, imaxes submarinas captadas tanto en directo como en diferido”, explicou a Xunta, engadindo que todo o material audiovisual que se obteña durante os pases de agosto e setembro gravarase e recompilaranse co fin poder difundilo o resto do ano nos centros de visitantes do Parque Nacional e tamén nas actividades enmarcadas dentro do seu programa educativo.