As viaxes en catamarán con saída dende a Pobra do Caramiñal para esta tempada de verán chegarán ao seu fin o 29 de agosto coa visita guiada á illa de Sálvora (Ribeira), pertencente ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Segundo informa o Concello, trátase da quinta travesía neste tipo de embarcacións de recreo ofertada para esta tempada, froito da colaboración (por terceiro ano consecutivo) entre a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e a empresa Piratas de Nabia.

O importe a pagar para desfrutar desta viaxe será de 21 euros para as persoas adultas e de 11 euros para nenos e nenas ata 12 anos. As persoas interesadas deben formalizar a súa reserva con antelación a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986 320 048. Tamén se pode solicitar información e resolver dúbidas en www.apobra.gal/turismo ou no 671 090 262. A empresa xestionará directamente a tramitación das autorizacións de entrada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.