Última chamada para inscribirse na VII Carreira pola Diversidade da Asociación Ambar

Mañá xoves 8 de xullo ás 23:59h pechan as inscricións da VII Carreira pola Diversidade da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional. Polo momento, só quedan 40 prazas libres. Doutra banda, a modalidade de andaina virtual non terá límite de prazas e manterá abertas as súas inscricións ata o domingo 11 de xullo ás 23:59h. Ambas inscricións poderán facerse na páxina cronotec.es.

A carreira presencial terá lugar este domingo 11 de xullo, ás 10:00h na explanada de Coroso, Ribeira, mentres que a Andaina poderá desenvolverse durante toda esa fin de semana. A Asociación retoma a presencialidade nesta sétima edición para continuar promovendo e visibilizando o deporte inclusivo e a participación das persoas con diversidade funcional no deporte.

En canto aos dorsais daquelas persoas que se inscribiron na Carreira antes do luns 5 de xullo, poderán recollerse a partir de hoxe ata o venres, no horario de apertura do Centro de Recursos de Ambar. Tamén poderase chamar para recollelo noutro horario. Aquelas persoas que se inscriban despois desta data, deberán facelo o propia día da Carreira ás 9:30 horas nun dos postos que a entidade habilitará na explanada de Coroso.

Na Carreira, as saídas faranse de 5 en 5 persoas. Os participantes poderán correr sen a máscara pero nos momentos previos e posteriores a Carreira terán que levala posta. A organización facilitaralle unha máscara aos corredores e corredoras ao chegar a liña de meta.

No referente aos premios, a proba beneficiará ás 3 primeiras persoas das categorías absoluta, zapatilla inclusiva, handbike e cadeira deportiva. Os trofeos entregaranse de maneira individual as semanas seguintes á celebración da Carreira respectando así as medidas de seguridade. Para os participantes que non poidan participar nalgunha das probas deportivas, está aberta en cronotec.es a posibilidade de colaborar co “Dorsal 0” nunha cota solidaria sen límite. A recadación obtida será destinada á adquisición de material para a prevención do contaxio por COVID-19, para as persoas con diversidade intelectual.