Porto do Son volve ser protagonista no regreso de Os Resentidos, que actúan este sábado en Portosín

Os Resentidos, a mítica banda de rock galego, está de regreso. E non un regreso calquera: a volta aos escenarios e ao mercado discográfico formalizouse en colaboración cun rapaz de Porto do Son con trastorno autista (TEA), Antón Romero, que puxo en xogo o seu importante talento para dar forma ao vídeo-clip que acompañou o tema de retorno da banda: Operación Nautilus. Por certo que o Porto do Son volve marcar a volta do grupo, que achega o seu primeiro concerto este sábado en Portosín.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén quixo sumarse a este acontecemento histórico, logo de case tres décadas dende a separación dos seus integrantes. O secretario xeral Valentín García participou este martes 6 de xullo na rolda de prensa de presentación do primeiro concerto da xira Operación Nautilus, que acolle este mesmo sábado, 10 de xullo, a praza do Curro de Portosín, ás 22.00 horas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou na súa intervención “a contribución de Os Resentidos á normalización do uso da lingua galega desde o ámbito musical” e recordou “que a mítica peza Galicia caníbal converteuse decontado en himno da Movida e fíxose universal ata os nosos días”. E engadiu: “Seguramente non hai galego nin galega que non coñeza ou se recoñeza no seu retrouso, que marcou todo un fito para o rock galego e tamén para a lingua galega”, concluíu.

Canda Valentín García, participaron tamén na presentación, que tivo lugar no Centro de Interpretación do Castro de Baroña, o rexedor sonense, José Luis Oujo, e Antón Reixa, cantante e fundador de Os Resentidos.

Nautilus é o nome do disco que trae de novo a banda de Antón Reixa á actualidade, 28 anos despois. Trátase dunha homenaxe á fantasía de Jules Verne e ao seu famoso capitán Nemo que, a bordo do seu Nautilus, percorreu 20.000 leguas baixo os mares, con parada en Vigo, a mesma cidade que viu nacer á banda hai case 40 anos, na procura dun tesouro afundido.

Desde 1993 este é o primeiro álbum de estudio da formación integrada por Antón Reixa, Rubén Losada, Xabier Soto, Gabriel Villar, Xoaquín Seoane, Pablo Vidal e Anxo Graña.

En total achéganse 12 temas inéditos para celebrar este regreso, no que ten un papel fundamental Antón Romero, un sonense con trastorno de espectro autista que aos seus 15 anos foi o elixido polo propio Reixa para levar a cabo a proposta visual do disco e que poderá desfrutar en Portosín, a súa localidade natal, do regreso aos escenarios do mítico grupo de rock galego este sábado, 10 de xullo, con entrada libre e de balde ata esgotar a capacidade. Toda a información en www.portodoson.gal.