Paula Carballeira encheu de contos a punta do Castro en Castiñeiras

O Festival Atlántica recalou en Castiñeiras (Ribeira) na noite deste 8 de xullo, e fíxoo cunha das dúas actuacións programadas para o termo municipal ribeirense: a de Paula Carballeira no privilexiado enclave da punta do Castro, onde o público reunido gozou ata a caída do sol das historias relatadas por esta artista baixo o título Os camiños máis longos.

Paula Carballeira naceu en Maniños (Fene, A Coruña), aínda que despois de se licenciar en Filoloxía na Universidade de Compostela quedou a vivir nesas terras. É narradora oral profesional desde 1994, actriz e escritora. Como actriz, é membro da compañía Berrobambán e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, levou adiante producións infantís coa súa compañía e mais co Centro Dramático Galego e con outras compañías.

O domingo 11, no marco de Atlántica, será a quenda de Xurxo Souto e O retorno dos homes mariños. A función, dirixida ao público adulto, será no Castro da Cidá de Ribeira a partir das 21 horas. Neste espectáculo Souto rescata un mito coruñés esquecido: o dos homes mariños. Xurxo Souto autodefínese como “terrícolo redondo”. É escritor, cantante, acordeonista, actor, director e locutor galego. Entre 1990 e 2001 foi o líder e vocalista da banda de rock en galego Os Diplomáticos de Monte Alto. Entre as súas novelas figuran Contos do mar de Irlanda (Xerais, 2014) e a novela A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018). Polo que respecta a O retorno dos homes mariños (Xerais, 1999, 2020) foi a súa primeira novela e vén de ser reeditada no 2020 coincidindo cos vinte anos da súa publicación.