“Os pescadores rexeitan a eólica mariña”. Antón Luaces

Se vai unha semanas organizacións como Europêche e a Federación Europea de Traballadores do Transporte (ETF) amosaban o seu rexeitamento á Comisión Europea sobre a ubicación dos futuros parques  de produción de enerxía eólica mariña, representantes dos mariñeiros de Galicia e a Bretaña francesa cadran en reivindicar os seus dereitos para se negaren a aceptar no seu sector o impacto dos parques eólicos mariños.Europêche e ETF , nunha resolución conxunta sobre o impacto dos devanditos parques na pesca, manifestaban o pasado 1 de xullo posicionarse “contra os discursos laudatorios do pacto verde europeo” cuxo proxecto enerxético tenta garantir  o 30% da produción de electricidade mediante parque eólicos mariños.
O certo é que, “na maioría dos casos, os parques eólicos mariños instálanse en zonas ricas en pesca” -afirma a Federación de Mariños Europeos. Dúas desas zonas están situadas na xeografía galega, con opción a unha terceira: Punta Langosteira-Sabón, A Mariña-Xove e, probablemente, Val Miñor-Atios. Na primeira opción hai motivos de interese para as empresas eléctricas: servirían a clientes ben necesitados, como  a antiga Alcoa, cun proxecto de resolución da súa situación económica ás portas, e a refinería de Repsol; a segunda, a factoría de Alcoa; e no terceiro caso, que citamos como opcional, a zona carece desa grande actividade pesqueira que teñen as outras dúas, pero está próxima ás rotas de transporte marítimo. En calquera caso, sexan dous ou tres os parque eólicos mariños que se anuncian como probables perto das costas galegas do Cantábrico, o anzó largado polas eólicas ten o engado dos 5.000 empregos directos que se poderían crear ata o ano 2.030 e a produción de ata 17.000 xigavatios anuais.

A experiencia colleitada no Mar do Norte é un feito importante: o acceso dos pescadores á zona de parques está completamente prohibido na maioría dos casos. E son zonas moi importantes de pesca e esta contribúe ao obxectivo de seguridade alimentaria e desenvolvemento rexional, motivos polos que se considera por parte da organización Europêche que non debe sacrificarse a prol da produción de enerxía.O Ministerio español de Transición Enerxética abriu a consulta pública para elaborar a folla de ruta coa proposta dunha produción de entre 1.000 e 3.000 MW de eólica mariña e ata 60 MW de enerxía mariña, e o Parlamento Europeo aprobou un informe do eurodeputado holandés Peter van Dalen sobre os efectos dos parques eólicos mariños na pesca, que recolle en gran medidaas queixas do sector pesqueiro. Este informe de iniciativa foi aprobado o pasado 6 de xullo por 512 votos, con só 21 en contra e 159 abstencións.