
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou hoxe a décima edición do Concurso Fotográfico de Micoloxía, unha iniciativa destinada a divulgar o coñecemento dos fungos e cogomelos e fomentar o respecto polo medio ambiente. Na rolda de prensa participaron o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, e a técnica municipal da área, que explicaron as características e condicións do certame.
A convocatoria repartirá 750 euros en tres premios de 350, 250 e 150 euros, respectivamente, en bonos de compra para o comercio local. Na pasada edición inscribíronse arredor de 63 persoas, das cales unhas 50 cumpriron os requisitos establecidos.
O concurso está aberto a todas as idades e o prazo para inscribirse e presentar os traballos comeza este xoves, 22 de outubro, ás 15.00 horas, e remata o mércores 4 de novembro, ás 23.59 horas.

Como participar
A inscrición realizarase exclusivamente a través do correo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com, indicando nome, apelidos e teléfono de contacto. Unha vez completado este paso, cada persoa recibirá automaticamente unha tarxeta que deberá cubrir cos seus datos e utilizar para acreditar a realización das imaxes.
Poderán presentarse un máximo de dúas fotografías por participante, cada unha delas acompañada de dúas versións: unha na que se vexa a tarxeta situada fisicamente xunto ao elemento fotografado, xa sexa en papel ou na pantalla dun móbil, e outra anónima, destinada á valoración do xurado.
Non se admitirán composicións nas que a acreditación se engada mediante edición dixital ou se incorpore posteriormente nun PDF. Tampouco poderán incluírse elementos que permitan identificar a autoría, como persoas, sinaturas, marcas de auga ou sinais distintivos.
Os traballos deberán ser orixinais, inéditos e presentarse en formato JPG. Permítense pequenos axustes técnicos de cor e luminosidade, pero non fotomontaxes nin alteracións dos elementos fotografados. O envío efectuarase ao mesmo enderezo electrónico, directamente ou mediante WeTransfer.
Valoración e resolución
O xurado estará formado por tres persoas externas ao Concello con coñecementos en fotografía, micoloxía e arte, que avaliarán as obras de maneira anónima. Cada concursante poderá obter un único galardón.
A resolución publicarase na web municipal e na páxina de Facebook de Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal.
As bases completas estarán dispoñíbeis na web municipal (apobra.gal) e no taboleiro de edictos municipal, onde se recollen todos os requisitos e condicións de participación.
Con esta décima edición o Concello dá continuidade a “unha proposta que combina fotografía, divulgación micolóxica e posta en valor do patrimonio natural, ao tempo que contribúe a dinamizar o comercio de proximidade”, informaron dende o Consistorio.



