Na súa novena edición, o festival Atlántica recala por primeira vez en Ribeira, onde programa dous espectáculos cos artistas Paula Carballeira e Xurxo Souto. As citas serán os días 8 e 11 de xullo e ambas as dúas funcións son gratuítas, pero para asistir cómpre reservar previamente na web festivalatlantica.gal. As actividades son posíbeis grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello de Ribeira. Estas dúas citas complétanse con outras tantas programadas na Pobra (en colaboración directa co Concello) esta mesma fin de semana: unha con Candido Pazó e outra máis con Guti.

Paula Carballeira e Xurxo Souto
A primeira cita cos contos de Atlántica será o xoves, 8 de xullo, con Paula Carballeira que vai brindar unha sesión do espectáculo Os camiños máis longos no parque da Punta do Castro.
Paula Carballeira naceu en Maniños (Fene, A Coruña), aínda que despois de se licenciar en Filoloxía na Universidade de Compostela quedou a vivir nesas terras. É narradora oral profesional desde 1994, actriz e escritora. Como actriz, é membro da compañía Berrobambán e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, levou adiante producións infantís coa súa compañía e mais co Centro Dramático Galego e con outras compañías.

O domingo 11 será a quenda de Xurxo Souto e O retorno dos homes mariños. A función, dirixida ao público adulto, será no Castro da Cidá a partir das 21 horas. Neste espectáculo Souto rescata un mito coruñés esquecido: o dos homes mariños. Xurxo Souto autodefínese como “terrícolo redondo”. É escritor, cantante, acordeonista, actor, director e locutor galego. Entre 1990 e 2001 foi o líder e vocalista da banda de rock en galego Os Diplomáticos de Monte Alto. Entre as súas novelas figuran Contos do mar de Irlanda (Xerais, 2014) e a novela A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018). Polo que respecta a O retorno dos homes mariños (Xerais, 1999, 2020) foi a súa primeira novela e vén de ser reeditada no 2020 coincidindo cos vinte anos da súa publicación.
Citas na Pobra
O Festival Atlántica regresa esta fin de semana á Pobra do Caramiñal e faino enchendo de contos lugares como o Castro da Croa ou a Serra do Barbanza, onde actuarán Cándido Pazó e José Luis Gutiérrez Guti os días 9 e 10 de xullo, respectivamente. Os espectáculos son gratuítos pero para asistir cómpre reservar por adiantado a través da web festivalatlantica.gal. Estas actividades son posibles grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello da Pobra do Caramiñal.

As historias de Lobadías do zamorano José Luis Gutiérrez, máis coñecido como Guti, vanse escoitar na Portela, na Serra do Barbanza, este venres 9 de xullo a partir das 21:30 horas. Con este espectáculo para adultos, Guti réndelles homenaxe a todas esas xentes que lle contaron sobre o lobo, do mesmo lobo que lle ensinou os dentes, ao que escoitou ouvear nas noites de outono e co que se cruzou tantas veces nos camiños. Para asistir a este espectáculo cómpre reservar por adiantado na web de Atlántica. Guti é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Realizou un inmenso labor de compilación etnográfica en longos seráns de cociña, en vilas de Zamora, León e Salamanca. O seu traballo céntrase no uso de materiais recollidos directamente de narradores tradicionais, os máis deles anciáns do mundo rural.

Ao día seguinte, o sábado 10 de xullo, a partir das 21 horas, será a quenda dun veterano da oralidade galega, Cándido Pazó. O Castro da Croa vai acoller o espectáculo Como dicía o outro, unha hora de historias para adultos que parecen contos, contos que parecen de verdade, verdades que parecen mentira. Os convites para esta función están esgotados pero habilitouse unha lista de agarda por se hai cancelacións. Candido Pazó é actor, narrador oral, autor teatral, guionista de series televisivas e director de escena. Como contador é un asiduo das programacións de encontros de narración oral tanto nacionais como internacionais. É o autor da maior parte das súas historias, aínda que tamén as recolle da tradición e da literatura, e gusta do chamado conto tabernario ou de faladoiro: enfiados de anécdotas, sucesos e personaxes que demostran que a realidade supera a ficción.