Encontro entre o BNG e a veciñanza de A Barquiña para denunciar a existencia de tubaxes de amianto na superficie da praia do lugar

O portavoz do grupo municipal do BNG en Noia, mantivo un encontro coa veciñanza de A Barquiña para abordar a problemática das tubaxes de saneamento abandonadas na superficie da praia do lugar.
No municipio de Noia, na provincia de A Coruña, acometeuse o inicio da construción do saneamento integral no ano 1995, despois da adxudicación por parte da Xunta de Galicia no ano anterior. Como consecuencia desta actuación instaláronse no lugar da praia da Barquiña e arredores, de forma subterránea, tubaxes destinadas a cumprir estas funcións.
Hoxe en día decenas destas tubaxes teñen aflorado e atópanse en parte esparexidas pola superficie do litoral, a poucos metros de casas habitadas, sen cumprir ningunha función específica e supondo un potencial risco á
saúde. Á circunstancia sanitaria súmaselle o feito de que non teña sentido que se permaneza coa presenza dunhas tubaxes hoxe inútiles nunha contorna litoral dentro dunha ‘zona de especial protección (ZEC)’ da ‘Rede Natura 2000’ e identificada como ‘Núcleo de Identidade Litoral (NIL)’.
A ‘Asociación de Veciños Montes de Carracido’ sinalou, en palabras do seu presidente Secundino García, que “xa teñen posto esta circunstancia en coñecemento do concello en diversas ocasións dende o ano 2014, pero que ninguén lles ofrece ningún tipo de solución”.
Pola súa parte, o portavoz nacionalista, Ricardo Suárez, declarou que “as administracións públicas deberían, en lugar de abandonar estes residuos durante anos nesta contorna, acometer actuacións encamiñadas á mellora ambiental da praia”. Ademais, engadiu, esta circunstancia supón “un perigo sanitario para a poboación do lugar pola inhalación de fibras de amianto xa que o estado de conservación do material empeora con circunstancias como choques e vibracións, e a existencia de correntes de aire, factores todos estes que se dan nesta zona litoral”.
Os nacionalistas levarán adiante iniciativas tanto a nivel local, como a outros niveis da administración, para solicitar a ‘Augas de Galicia’ e ‘Costas do Estado’ que solucionen dita problemática.