Comezan a chegar dende Pontecesures os primeiros peregrinos da iniciativa Ribeira Fai Camiño, A Orixe

Este domingo 11 de xullo comezou a materializarse o proxecto Ribeira Fai Camiño, A Orixe, co-financiado polo Xacobeo, do que falamos os días pasados con motivo da súa presentación no Consistorio da cidade. En concreto, a iniciativa principiou a súa andaina cun primeiro grupo de persoas que tomaron o catamarán en Pontecesures e, logo de navegar pola ría arousá, recalaron no porto de Ribeira. Alí, dous dos participantes animáronse a percorrer treito do camiño correspondente á nosa comarca: A Orixe.

O Concello de Ribeira lembra que as saídas teñen lugar todos os mércores e domingos ao longo do verán ata primeiros de setembro.

Na travesía pola ría coñeceranse fitos tales como o único Vía Crucis Marítimo Fluvial que honra ao Apóstolo Santiago, as Torres do Oeste en Catoira, a illa de Cortegada e unha parada nunha batea para familiarizarse co cultivo do mexillón, antes de recalar no porto de Ribeira.

O prezo é de 20 euros para adultos e de 10 euros para nenos de 4 a 11 anos, en tanto que os de 0 a 3 viaxarán gratis.

Para máis información é preciso visitar a web Labarcadelperegrino.com.