Ribeira achega viaxes en catamarán dende Pontecesures para coñecer o Camiño do Barbanza

O Concello de Ribeira, co gallo de avanzar na promoción e recuperación do Camiño de Santiago do Barbanza (A Orixe), lanzou unha iniciativa a través da que se brindan rutas en catamarán até o porto ribeirense dende Pontecesures, e, unha vez na cidade, facer unha etapa do itinerario xacobeo antes de emprender a viaxe de volta.

O proxecto, que está co-financiado polo Xacobeo, desenvólvese baixo o epígrafe Ribeira fai Camiño, A Orixe. Foi presentado na mañá deste 8 de xullo no salón de plenos nun acto que contou coa presenza e participación do alcalde Manuel Ruiz, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño A Orixe, Manuel Mariño; o concelleiro de Turismo Ramón Doval; e Javier Fontao e Santiago Domínguez en representación das empresas Fontao Travel e Bahía Sub.

Segundo fixeron saber, as saídas celebraranse dende o 11 de xullo ata o 11 de setembro, os mércores e domingos. Na travesía coñeceranse fitos tales como o único Vía Crucis Marítimo Fluvial que honra ao Apóstolo Santiago, as Torres do Oeste en Catoira e a illa de Cortegada, amais de facerse unha parada nunha batea para coñecer o cultivo do mexillón, antes de recalar no porto de Ribeira.

O prezo é de 20 euros para adultos e de 10 euros para nenos de 4 a 11 anos, en tanto que os de 0 a 3 viaxarán gratis.

Paquete turístico

Ademais, Javier Fontao ofreceu detalles do paquete Ribeira fai Camiño, A Orixe que está promovendo Fontao Travel, e que inclúe noites no Hotel Norat de Palmeira e no Hostal Áncora de Santa Uxía, así como visitas guiadas pola lonxa.

Manuel Mariño, pola súa parte, explicou que se está traballando na marcaxe da ruta barbanzá con previsión de acabar a finais do mes de xullo, amén de informar de que “quen percorra o camiño de Corrubedo poderá obter a Compostela, habendo tanto credenciais físicas como a posibilidade de obter mediante un código QR unha credencial virtual”.

O alcalde Manuel Ruiz incidiu na importancia de “apostar con forza pola singularidade que ten o noso camiño, cun dobre valor, pois amén de poder percorrelo dende Corrubedo ata Santiago tamén é idóneo para todos aqueles que habendo realizado outras rutas xacobeas senten interese por descubrir o itinerario terrestre que serviu de acompañamento á Translatio do Apóstolo na súa balsa de pedra”.

O edil Ramón Doval agradeceu a colaboración da Xunta, o Xacobeo e Turismo de Galicia para facer realidade Ribeira fai Camiño, A Orixe.

Para máis información sobre as rutas, visitar a web Labarcadelperegrino.com.

Para máis datos sobre o paquete turístico, visitar Planestancias.com.