
Preto de 80 persoas voluntarias convocadas por Afundación participarán mañá sábado, 26 de setembro a partir das 10.00 horas, nunha nova xornada de voluntariado ambiental no marco do seu Plan de Conservación Territorial PLANCTON na illa de Sálvora (Aguiño, Ribeira), dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
A actividade constará de dúas actuacións diferenciadas; por unha banda, parte dos asistentes procederán á retirada de lixo mariño en distintos areais da illa, pola outra, o resto das persoas participantes centraranse na eliminación de diferentes especies de flora exótica invasora, dúas accións destinadas a contribuír á conservación e protección deste espazo natural.
A de Sálvora é unha das actuacións que se desenvolven de xeito recorrente no marco de PLANCTON, consolidándose como unha das iniciativas de voluntariado ambiental impulsadas por Afundación para favorecer a conservación dos mares e costas de Galicia. Nas anteriores edicións, as máis de 270 persoas voluntarias conseguiron retirar máis de 800 quilos de residuos e preto de 1.500 de diferentes especies de flora exótica invasora, poñendo de manifesto o impacto positivo da participación cidadá na protección dos espazos naturais.
PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial de Afundación, ten como obxectivo “contribuír á conservación dos ecosistemas mariños e costeiros e promover un uso máis sostíbel do territorio e dos recursos naturais”.
O programa artella diferentes accións de voluntariado, sensibilización, educación ambiental e conservación da biodiversidade, con especial atención á redución dos residuos no litoral, á retirada de especies exóticas invasoras e á protección dos hábitats e especies de interese.
Deste xeito, PLANCTON busca “implicar a cidadanía na conservación do patrimonio natural e fomentar unha maior conciencia sobre a necesidade de protexer os ecosistemas fronte ás principais ameazas ambientais”, explicaron fontes de Afundación, engadindo que “a loita contra as especies exóticas invasoras constitúe tamén unha das principais liñas de actuación no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que participa no proxecto europeo Life Insular”. Esta iniciativa ten como finalidade mellorar o estado de conservación dos hábitats das illas atlánticas integradas na Rede Natura 2000 e reforzar a súa capacidade de resposta fronte ás diferentes presións ambientais e aos efectos do cambio climático.



