Barbanza Arousa activa máis de 60 itinerarios turísticos para ofertar en axencias de toda España e Portugal

27 Xullo 2021

A Mancomunidade Barbanza Arousa, constituída por Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo, presentou este 27 de xullo os detalles dun ambicioso e innovador proxecto para poñer en valor os seus tesouros e recursos culturais, turísticos, paisaxísticos e naturais. O obxectivo, sinalaron os alcaldes dos ditos concellos, é situar o destino Barbanza Arousa en toda a rede de axencias de viaxes de España e Portugal, e facelo ademais “cunha oferta turística renovada e deseñada para competir nas canles de comercialización profesionais”. O proxecto, froito de varios meses de intenso traballo, foi dado a coñecer no Auditorio de Rianxo.

O resultado son 65 atractivos itinerarios, con temáticas de todo tipo (natureza, gastronomía, turismo activo, cultura, enoloxía e sendeirismo) e co foco posto en potenciar a vertente xacobea do Barbanza, o Camiño de Santiago “A Orixe”, incluíndo ofertas específicas de aloxamento e todos os servizos.

Para executar este proxecto a Mancomunidade Barbanza Arousa contratou ao turoperador galego Viajes InterRías, primeira axencia de España na xestión de grupos e circuítos turísticos e un dos principais creadores de produto para colectivos e individuais.

Por certo que o turoperador galego estivo presente na presentación deste martes 27. Nela, o presidente da Mancomunidade e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, fixo un breve percorrido por algúns dos principais reclamos de Barbanza Arousa para os visitantes, destacando a natureza, a arqueoloxía, a cultura e o Camiño de Santiago do Barbanza.

Pola súa banda, a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro, incidiu na necesidade de “poñelos en valor a través da comercialización” e quixo resaltar “a confluencia dos paquetes deseñados coas empresas turísticas desta zona”. Destacou e agradeceu tamén “a ampla participación das empresas do territorio, axentes sen os que non sería posíbel levar a cabo este proxecto”.

As experiencias, polo miúdo

Entre as 65 experiencias creadas figuran circuítos xerais de sete días e máis específicos, de catro ou cinco días de duración, centrados en miradoiros, paseos ou sendeiros fluviais, aventura, parques naturais, illas e illotes, mar, patrimonio arqueolóxico, literatura, muíños e pazos, ou cultura mariñeira, entre outros.

Na presentación puxéronse distintos exemplos do atractivo destes circuítos, como o das sendas naturais, que inclúe percorridos con guías especializadas/os pola costa de Rianxo con epicentro na praia da Torre de Taragoña, polo litoral de Boiro (Cabo de Cruz, punta Piñeirón, Lagoa de Carragueiros…) ou o de Ribeira (punta Couso, porto de Aguiño, Palmeira…), ou a viaxe de sete días denominada “alma mariñeira”, deseñada para internarse na íntima relación co mar de Rianxo, Corrubedo, Cabo de Cruz, A Pobra, Palmeira, Ribeira e Escarabote, cunha visita á espectacular lonxa ribeirense e un periplo en barco para descubrir o ciclo de vida do mexillón.

Segundo se recalcou na rolda de prensa deste 27 de xullo, os 120 quilómetros da Ruta Xacobea A Orixe, dende o Faro de Corrubedo, teñen un peso fundamental nesta oferta turística. O traballo desenvolvido incluíu precisamente a realización das cinco etapas do Camiño por parte dun equipo de técnicos do turoperador para avaliar e achegar propostas de mellora da súa viabilidade comercial.

Entre as decenas de experiencias están a ruta literaria dedicada a Castelao e Manuel Antonio en Rianxo, a Ruta das Mámoas en Boiro, a das piscinas naturais do río Pedras, na Pobra, a cea degustación na Lonxa de Ribeira, windsurf na praia de Coroso, mergullo na illa de Sálvora, barranquismo, golf ou marisqueo.

O proxecto iniciouse cunha análise a fondo de todo o destino Barbanza Arousa para localizar recursos turísticos, naturais ou empresariais, con interese suficiente para convertelos en produtos. O traballo de campo incluíu, ademais do percorrido pola Ruta Xacobea, varios días de visita polos catro concellos para analizar o atractivo dos distintos recursos, non só pola súa tipoloxía, senón por cuestións como accesibilidade, sinalización, dotacións de servizos, etc.

Houbo encontros profesionais coas técnicas de turismo dos catro concellos e con provedores e o empresariado local, para contar coa súa participación nos paquetes turísticos. De feito o proxecto deixou pechada unha completa base de datos de servizos turísticos de Barbanza Arousa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cariño: un pequeno gran punto negro contaminante”

“Cariño: un pequeno gran punto negro contaminante”

Non se sabe con exactitude o grao de contaminación que pode provocar en Galicia unha empresa que, como Altri (en Palas de Rei, Lugo), vai utilizar o eucalipto como materia prima a partir da que extraer fibras téxtiles; máis é evidente que existe medo ao que a...

“Tiempos verbales”. Alberto Barciela

“Tiempos verbales”. Alberto Barciela

No sé en que justo momento, si es que lo hubo alguna vez, perdimos el rumbo político y el social. No identifico en qué instante se distrajeron las referencias de los valores esenciales para la convivencia, para el entendimiento, para la discusión constructiva y la...