Amicos presenta en Noia novos e revolucionarios proxectos de inclusión social e laboral

Este xoves 15 de xullo celebrouse en Noia, no Coliseo Noela, a primeira xornada de Innovación Social da Fundación Amicos, centrada en traballar pola inclusión de persoas con diversidades cognitivas da nosa comarca. Na apertura da actividade participou o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón. No transcurso da sesión déronse a coñecer varios proxectos que contribúen a impulsar tanto o emprego e a formación dos colectivos devanditos como a competitividade e a innovación social das entidades e empresas de economía social neste eido. Por exemplo o Proxecto Erasmus Train-Inc, unha proposta que ten como obxectivo o intercambio e a aprendizaxe intercultural a través de obradoiros, viaxes e encontros nos que participantes de distintos países compartan metodoloxías de traballo.

Fernando González Abeijón destacou a importancia de poñer en marcha este tipo de programas que pretenden avanzar cara a mellora da calidade de vida e a plena inclusión das persoas. Neste senso, puxo en valor “o esforzo diario das institucións que levan a cabo estas iniciativas para aumentar a autonomía e a autoestima deste colectivo a través do impulso da innovación”.

Na cita tamén se deron a coñecer os detalles de Amicovid19, de Amicos, que se centra en como a crise do coronavirus puxo de manifesto a necesidade de flexibilizar e adaptar os servizos á nova realidade. O proxecto pon o foco nas consecuencias que deixou a pandemia en toda a sociedade pero, sobre todo, na que se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade.

Fernando González Abeijón na apertura da xornada

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade insistiu en que estas iniciativas “contribuirán sen dúbida sen dúbida a un maior empoderamento das persoas con discapacidade”, salientando a colaboración con empresas que destacan neste eido, como JEALSA, Rianxeira e Properdis”.

Os proxectos ao detalle

-Train Inc – Erasmus+

Sonia Lamas, técnica de proxectos europeos de Amicos, xunto con Miguel Beiro, responsábel da área de emprego e empresas, foron os encargados de presentar o proxecto Train Inc Erasmus+, a primeira contribución Erasmus liderada pola asociación da nosa comarca e, nas súas palabras, “unha oportunidade para o intercambio e a aprendizaxe intercultural e unha vía para mellorar a calidade da educación, en calquera das súas etapas”. Artéllase en actividades de intercambio, obradoiros, viaxes e encontros nos que os participantes de distintos países comparten metodoloxías de traballo e boas prácticas. Está centrado na formación para o emprego, o auto-emprego, o mantemento do posto de traballo e a inclusión laboral a través dunha metodoloxía de aprendizaxe cooperativa. Forman parte do consorcio varias entidades de distintos países europeos: Associação Grão Vasco, en Portugal, Psihoforworld, en Romanía, SNRSS en Polonia, Bapid, en Bulgaria, e Medatlanta e Amicos en España.

“Os resultados do noso traballo quedaron plasmados para a súa difusión en dúas guías de uso destinadas a profesionais da Unión Europa para empregar en obradoiros e formacións con persoas con discapacidade intelectual para a súa inclusión social. Ademais construímos unha plataforma web, onde se presentan recursos para o emprego de xeito amigábel e accesíbel para os propios usuarios”, expuña Sonia Lamas

-Amicovid19, Marcasocial.org e Proplus

A continuación, María Estalote, técnica de desenvolvemento de Amicos presentou os novos proxectos nos que está a traballar a asociación, que están financiados pola CEPES (Confederación Empresarial Española de la Economía Social). Trátase de Amicovid19, Marcasocial.org e Proplus, tres iniciativas para a mellora da competitividade e a consolidación das empresas, as entidades de economía social e as entidades que facilitan a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de inclusión social.

Respecto da proposta Amicovid, foi presentada polos usuarios da asociación Javier Freijo e Carmen Piñeiro. Os dous, mediante un coloquio, expuxeron a problemática que viven tras a crise da COVID-19, que lles impediu realizar actividades xuntos e permanecer en aulas burbulla. Esta problemática, dixeron, puxo de manifesto “a necesidade de flexibilizar e adaptar os servizos á nova realidade”. Por este motivo xurdiu Amicovid19, coa finalidade de deseñar e implementar medidas que permitan dar continuidade aos servizos proporcionados ás persoas con diversidades cognitivas de forma deslocalizada, así como brindarlles un apoio integral.

Polo que respecta ao proxecto Marcasocial.org, foi debullado por Marga Hermo, directora de relacións institucionais de JEALSA, que puxo o foco na responsabilidade social corporativa que ten o grupo con diferentes entidades, especialmente coa Asociación Amicos e o seu centro ocupacional de Boiro, co que levan colaborando dende 2013. Marcasocial.org é un proxecto para a mellora da competitividade das empresas e as entidades de economía social. Pretende o desenvolvemento de estratexias e plans que optimicen a rendibilidade produtiva das entidades, para a súa sustentabilidade a longo prazo mediante a potenciación de liñas de negocio actuais e o impulso de novas solucións, co obxectivo de mellorar a atención integral dos colectivos máis vulnerables

No que atinxe a Proplus, é unha iniciativa para fortalecer o crecemento de empresas e entidades de economía social que facilitan a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social. Amicos conta coa para este cometido coa empresa de inserción laboral da Ecobrigada. A presentación correu a cargo de Jose María Baso e Manuel González, que son técnicos da Ecobrigada, para a cal realizan diferentes traballo de mantemento forestal, xardinería e obras. O obxectivo de Proplus, dixeron, é sensibilizar ás administracións e ao tecido produtivo e social de cara ás contratacións públicas socialmente responsábeis como unha ferramenta eficaz para avanzar no desenvolvemento sustentábel e para acadar os obxectivos sociais da UE.

Santiago Freire, alcalde de Noia, na clausura do evento

O acto foi clausurado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, quen agradeceu aos integrantes de Amicos “que elixiran Noia para presentar a primeira xornada de innovación social da asociación”. Recalcou a necesidade de estender os mecanismos de colaboración ás distintas institucións a través destes proxectos.

O acto foi subido ao Youtube.