A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo da rede de saneamento e da nova depuradora de Lousame

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou o contrato para a redacción do proxecto construtivo da rede de saneamento e da nova estación de tratamento de augas residuais de Lousame, que dará servizo aos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa.

O contrato, que suporá un investimento autonómico de máis de 15.000 euros, foi adxudicado á empresa Organización y Gestión de Proyectos y Obras, S.L. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de seis meses.

Con este contrato, o departamento que preside Ethel Vázquez responde á nova solicitude de colaboración do Concello de Lousame, tras terse confirmado por parte de Augas de Galicia a viabilidade da execución destas infraestruturas hidráulicas na parcela inicialmente proposta pola entidade local para a construción da nova depuradora.

Os traballos consisten na definición do proxecto de execución dunha estación depuradora de augas residuais de tecnoloxía CBR para 382 habitantes equivalentes, á que chegarán as augas residuais dos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa a través dunha rede de saneamento composta por 5 colectores, 2 principais e tres secundarios, ademais dunha impulsión.

O Concello de Lousame solicitou a colaboración de Augas de Galicia ante as deficiencias que presentaba o actual sistema de saneamento nos lugares de Devesa e A Silva, para o que tiña redactado unha memoria valorada para a ampliación da rede de saneamento e a construción dunha estación depuradora de augas residuais.

Os técnicos de Augas de Galicia constataron, nunha visita á zona, o problema descrito polo Concello tamén nos núcleos de Berrimes, As Quintáns e A Costa, situados na marxe esquerda do río Pesqueira, que actualmente depuran as súas augas na mesma depuradora que os núcleos da marxe dereita do río.

O proxecto encargado polo Concello de Lousame situaba a nova depuradora nunha parcela delimitada por dous cursos de auga, o río Pesqueira, pola cara oeste, e un rego sen denominación, pola cara norte.

Atendendo á petición do Concello, Augas de Galicia adxudicou o pasado ano a redacción dun estudo de alternativas para analizar diferentes opcións e acadar a solución máis axeitada, tendo en conta diferentes factores. O resultado destes traballos permitiron verificar a viabilidade da parcela e propor a mellor alternativa, tanto para a implantación da estación depuradora, como para o proceso de depuración.

Nese estudo de alternativas levouse a cabo unha análise da problemática e acometeuse a caracterización cualitativa e cuantitativa da auga residual influente nas fosas existentes. Tamén se realizou un exame da viabilidade da parcela proposta para a implantación da depuradora, tendo en conta aspectos urbanísticos, lei do solo, análises hidrolóxicas-hidráulicas, obxectivo e punto de vertedura, entre outros.

A última fase consistiu na selección da mellor alternativa das formuladas a través dunha análise multicriterio, que agora é obxecto do contrato que acaba de adxudicar Augas de Galicia, para o desenvolvemento do proxecto construtivo.