A Rede Cultural da Deputación brinda un total de 570 actuacións nos meses de verán

A Rede Cultura da Deputación da Coruña vai levar até 570 espectáculos aos concellos da provincia durante os meses de verán (de xullo a setembro). Serán 171 concertos, 139 representacións teatrais e 135 proxeccións audiovisuais. Boa parte deles chegarán á totalidade dos concellos de Barbanza, tal e como se pode comprobar no cadro habilitado coa relación dos espectáculos por mes, día e municipio. A axenda foi dada a coñecer polo deputado Xurxo Couto, que salientou que a Rede Cultural “confírmase como o circuíto máis sólido para a cultura galega cun orzamento de 2.600.000 euros”.

Ademais das actividades musicais, teatrais e cinematográficas, a programación cultural da Deputación inclúe tamén 35 propostas de Lingua a escena, dirixida a impulsar o uso do galego, 50 de Alicerce, dedicado á cultura non profesional; 24 actuacións de maxia e 16 de danza.

As actividades desenvolveranse en 91 concellos cun orzamento de 2.600.000 euros dos que a achega da Deputación da Coruña ascende a 1.555.000€. Un total de 1.473 compañías e grupos profesionais participan nesta nova edición no catálogo da Rede Cultural.

“Os datos da Rede Cultural evidencian que, ademais de ser de grande valor para a difusión da nosa cultural en todo o territorio é tamén unha ferramenta moi importante para recuperación económica do sector xa que xera contratacións artísticas e emprego, tan necesarios neste momento nun ámbito que padeceu como poucos o confinamento provocado pola pandemia”, explica Xurxo Couto.

Actuacións musicais como as de Tanxugueiras, De Vacas, Guadi Galego, A Gramola Gominola, Magín Blanco, Budiño & Pablo Novoa, Ses, Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre; teatrais con compañías como Boabab Teatro, Ghazafelhos, maxia como a do Mago Teto ou Dani Polo ou películas como Ons, O que arde ou A illa das mentiras son algunhas das propostas máis solicitadas do catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña.