A nova edición do Noia Harp Fest incorpora os xardíns da Central do Tambre como novo escenario de concertos

O certame Noia Harp Fest, o único acontecemento musical e divulgativo centrado na cultura arpística dentro do noroeste ibérico, vai celebrar a súa sétima edición entre o 4 e o 6 de agosto. Noia converterase novamente nun punto de encontro para músicos de toda Europa e América, procedentes de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguai, Galicia, Euskadi, Cataluña e Andalucía. Acudirán artistas tan sobranceiros como a italiana Marianne Gubri, o bretón Tristan le Govic (en formato trío), a andaluza Ana Crisman e agrupacións como a banda vasca Basabi. Por estilos, o abano de proposta promete ser amplo e variado (música clásica, folk, flamenco, vangarda), malia ser a arpa o nexo común das contribucións.

Os detalles da nova convocatoria foron dados a coñecer este 14 de xullo polo seu director, o musico local Rodrigo Romaní, e máis polo conselleiro de Cultura de Noia, José Pérez.

Noia Harp Fest incorpora este ano un novo escenario a ceo aberto, os xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre, que se suma ao habitual da praza do Tapal; mentres que Santa María A Nova acollerá os obradoiros de arpa.

Haberá gratuítos para o público, ao aire libre, de intérpretes destacados deste instrumento.

Nnesta edición do Noia Harp Fest tamén estarán presentes, como é habitual, os músicos galegos. É o caso de Pedro Lamas. O creador e compositor acompañará a Aiste Bruzaite nun concerto de kanklès, un instrumento de corda popular lituano moi popular neste país e na súa contorna.

Novo escenario

A VIII edición do Noia Harp Fest terá un circuíto de escenarios conformado pola xa tradicional praza do Tapal, espazo no que se desenvolven decote os concertos nocturnos, ou mesmo Santa María A Nova, que acolle os obradoiros que imparten as artistas participantes. Porén, desta volta Noia Harp Fest incorpora un novo escenario a ceo aberto, “coa intención de afondar na estreita relación entre o patrimonio musical e arquitectónico que o certame musical pretende poñer en valor desde a primeira edición, ao tempo que celebra e visualiza os monumentos do territorio no que se desenvolve”, sinalou Romaní, facendo saber que o novo espazo incorporado non é ouro que os xardíns da Central Hidroléctrica do Tambre, nos que se atopa o edificio modernista deseñado polo recoñecido arquitecto Antonio Palacios (autor de obras como o Palacio de las Telecomunicaciones de Madrid ou Círculo de Bellas Artes da mesma cidade). “Ao abeiro deste monumento noiés da arquitectura industrial, celebraranse os concertos acústicos en horario de tarde, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan”, explicaron Romaní e o edil de Cultura.

Obradoiros de arpa

Outra das novidades respecto da pasada edición é que Noia Harp Fest retomará neste 2021 algunha das súas actividades formativas e divulgativas paralelas habituais. É o caso dos obradoiros impartidos polos participantes do festival, que ofrecerán clases maxistrais ao alumnado deste instrumento en Santa María A Nova. Serán tres sesións diferentes, nas mañás dos días de celebración do festival, nas que Marianne Gubri (mércores 4), Aiste Bruzaite (xoves 5) e Ana Crisman (venres 6) compartirán os seus coñecementos con novos instrumentistas galegos.

Toda a información sobre estes talleres e o proceso de inscrición está dispoñíbel na páxina web do certame, www.noiaharpfest.gal, na que o público tamén pode consultar tanto os datos da programación como a información pertinente para proceder á reserva de entradas.

Os concertos do Noia Harp Fest son de acceso gratuíto, se ben cómpre facer unha reserva previa para poder asistir a través de convite.

En atención á normativa sanitaria vixente de prevención da COVID-19, e “coa intención poder garantir a súa entrada para cada concerto”, as persoas interesadas en asistir a algunha das citas do certame, deberán remitir, con antelación, un correo a programacionconcellodenoia@gmail.com, indicando o seu nome e apelido, DNI, teléfono de contacto, concerto ao que quere ir e número de persoas que asistirán a cada actuación.