O Museo do Gravado de Artes mostra en Compostela as visións evocadoras de Piranesi no Colexio de Fonseca

De esquerda a dereira Román Rodriguez, Antonio López, Manuel Ruíz e Xoán Pastor. Foto Santi Alvite

Giambatista Piranesi (1720 – 1778) é considerado un dos grandes artistas da historia na modalidade de gravado denominada Augaforte, así como no xénero das Vedute (Vistas). “As súas obras pretendían cambiar a realidade e restaurar a grandeza pasada”, así o explican dende a organización da mostra ‘Piranesi-Vedute-vistas da Roma antiga-Cárceres’ que acolle dende este martes a Sala de Exposicións do Colexio de Fonseca e que está impulsada dende a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (FMAG), situada no Concello de Ribeira. A exposición está integrada por un total de 44 obras, alén de diferentes libros expostos en cinco vitrinas.

“Os seus gravados amosaron realidades inimaxinables e sen precedentes, sempre revelaban algo novidoso, pero conseguiu unha asombrosa variedade, unha gran precisión no debuxo e a vontade de ensinar aspectos descoñecidos ata ese momento”, engaden dende o comisariado da mostra. A obra de Piranesi caracterízase por unha técnica baseada “nunhas agudas capacidades de observación, con ousados contrastes de luz e escuridade, asombrosos ceos que dotaban os gravados de forte poder evocador e de fantasía poética que estimula a imaxinación dos espectadores”, matizan.

No acto inaugural que se celebrou este martes, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, tomaron parte o reitor Antonio López; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Manuel Ruíz Rivas, alcalde de Ribeira e presidente da FMAG; e Javier Expósito Paradela, vicepresidente da FMAG. Tamén asistiron a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, ademais do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

Nova mirada sobre Roma

Piranesi cambiou, para toda Europa, o xeito de percibir o mundo antigo e dotouno de carga emocional, condicionando, ata a actualidade, a forma de mirar a Roma antiga. Tiña, ademais, unha formación como arquitecto que dotaba de monumentalidade as vistas, ao que sumaba o coñecemento das referencias históricas. Gran parte da sensibilidade e da forma de concibir o pasado romano procede, no espectador moderno, da sensibilidade das Vedute do autor veneciano, “pola súa especial combinación de espazo, contrastes de luz e fraxilidade atmosférica”, apuntan dende a FMAG. “Logra unha síntese entre a exactitude e a orixinalidade visionaria que dota de vida a Antigüidade”, engaden.

Os seus Grotteschi son un exemplo de desenvolvemento creativo audaz, sen limitar o carácter ornamental das imaxes. Os Carceri, ademais, eríxense no paradigma da especulación arredor do máis recóndito da consciencia, pero sen esquecer a capacidade de variación creativa e monumental sobre os moitos tipos de escenografía académica. A serie destes Carceri componse dunha portada e quince pranchas, gravados en cobre no seu segundo estado, datado, aproximadamente, en 1761, e reproducidos en fotogravado en papel de fío da casa Guarro para a edición limitada de 75 exemplares realizada no ano 1993 por Edicións Delstre’s.

Esta exposición poderá visitarse do 14 de xullo ao 28 de agosto, en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

A exposición estar´ña aberta desde o 14 de xullo o 28 de agosto. Foto Santi Alvite