O Laboratorio Ecosocial do Barbanza abre o debate sobre o futuro dun dos nosos grandes tesouros ambientais: as Brañas de Laíño

01 Xuño 2021

O pasado martes presentouse en Dodro un estudo para visualizar e reivindicar e mesmo recuperar os usos de explotación agraria tradicionais vencellados ás Brañas de Laíño, un espazo de incalculábel riqueza ambiental e paisaxística que hoxe en día atópase en estado de abandono logo de que cesaran, hai anos, os traballos sustentábeis que alí tiña desenvolvido a veciñanza.

A investigación (Os estudos de caso: As Brañas de Laíño) veu da man do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, impulsado pola Fundación RIA (con sede en Corrubedo e impulsada polo arquitecto inglés David Chipperfield) e o grupo HISTAGRA da USC.

Na presentación, celebrada no Pavillón Polideportivo, participaron as veciñas e veciños que colaboraron na elaboración do informe. Incluíu un debate no que se achegaron ideas de valor para o futuro das brañas.

Entre as propostas presentadas incluíuse a do profesor e escritor local Manuel Lorenzo Baleirón, quen aposta por converter este espazo ambiental parque natural, con aula de interpretación da natureza e lugares de observación. Esta vertente completouse coa de compatibilizar a protección das brañas coas actividades económicas sustentábeis que tamén contribúan á súa conservación. Neste senso, o rexedor Xabier Castro reflectiu a boa predisposición de Costas para atender propostas que apunten a un aproveitamento respectuoso das Brañas de Laíño que atenda aos principios da economía circular, comunal e ambientalmente responsábel, principios que asentaban, precisamente, as actividades agrarias tradicionais da nosa comarca.

O labor recente do Laboratorio

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza está a enfocar o seu traballo no pasado e no presente das comunidades locais co fin de impulsar os aproveitamentos sustentábeis do futuro. Así, vén de editar a obra colectiva Cando eramos sostibles, Aprendendo no Barbanza as claves do futuro, que se pode descargar de balde na súa web. Este traballo, a través de testemuñas dos veciños e veciñas de Dodro e doutros concellos da nosa comarca, pretende transmitir a transición socioecolóxica do territorio.

A devandita xornada, ademais de expoñer a investigación, serviu para presentar a convocatoria de Proxecto Semente, cos que o Laboratorio apoiará cun máximo de 15.000 € aqueles traballos que fomenten a sustentabilidade do territorio. Todos aqueles interesados en participar poderán facelo a través dun formulario dispoñíbel na páxina web do Laboratorio.

Outros artigos

Merca No Teu Comercio comeza en Padrón, Rois, Dodro, Narón e Fene

A campaña Merca No Teu Comercio inicia este venres 15 de maio dúas campañas, que terán lugar por un lado en Narón e Fene; e pola outra en Padrón, Rois e Dodro. Entre o 15 e o 30 de maio de 2026 desenvolveranse estas dúas iniciativas publicitarias/promocionais da...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.