Dodro celebrou a IV Xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero

30 Outubro 2026

O salón de plenos da Casa do Concello de Dodro acolleu este martes, 27 de outubro, a cuarta xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero. A sesión estivo presidida polo alcalde, Xabier Castro Tourís, e contou coa participación de representantes municipais, dos grupos políticos, dos Servizos Sociais, do Centro de Información ás Mulleres Terras de Iria, do Centro de Día de Dodro, de Andaina Prosaúde Mental e de AMIPA.

A Mesa saíu da xuntanza cun consenso sobre a formación das persoas que a integran. Todas os asistentes manifestaron o seu interese en participar en 2027 no Programa da Xunta de Galicia para o impulso das Mesas Locais. O obxectivo, sinalaron, é “compartir criterios, mellorar a coordinación entre os distintos servizos e ofrecer así unha mellor resposta á veciñanza, especialmente ás mulleres que precisen apoio e acompañamento”.

Outro dos eixos da xuntanza foi a actualización do protocolo municipal de actuación fronte á violencia de xénero, vixente desde 2013. A Mesa coincidiu na necesidade de revisalo para adaptalo á realidade actual do municipio, aos novos recursos e á normativa vixente. Con ese obxectivo, as entidades asumiron “o compromiso de que a inicios do 2027 se constitúa unha comisión técnica integrada por persoas expertas de distintos ámbitos de intervención e de que, en ese mesmo ano, esta comisión leve a cabo a revisión e actualización do protocolo”, sinalaron, engadindo que o traballo abordarase desde unha mirada interdisciplinar, para que o novo protocolo sexa unha ferramenta útil, compartida e axustada ás necesidades reais das mulleres e da veciñanza de Dodro.

Na sesión repasáronse tamén as actuacións desenvolvidas nos últimos meses, como a Fin de Semana de Mulleres de Dodro, a programación Dodro con Orgullo e o Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero para mulleres. Destacouse ademais a colaboración co Centro de Día a través do club de lectura, un exemplo de traballo conxunto nacido da propia Mesa. Presentouse igualmente a programación municipal do 25 de novembro.

Imaxe de arquivo da terceira xuntanza contra a violencia de xénero

A xuntanza serviu tamén para poñer en común o traballo das demais entidades e para tecer novas colaboracións. Andaina Prosaúde Mental presentou o programa anual no que se combina atención individual con sesións grupais nas que se traballan a autoestima, as relacións familiares e outras cuestións vinculadas á igualdade. A entidade confirmou ademais a súa participación na lectura do manifesto do 25N.

Pola súa banda, o Centro de Información ás Mulleres Terras de Iria acordou a colaboración co Centro de Día, Andaina e a AMIPA para levar a cabo un obradoiro para tratar o machismo presente nas cancións a través dun percorrido pola historia da música, desde os temas de hai medio século ata o reggaeton actual. As entidades amosaron tamén o seu interese en organizar visitas conxuntas e guiadas á exposición Express-Arte dentro da programación do 25N.

“O noso obxectivo é que esta Mesa sexa cada vez máis útil para a cidadanía, e para iso necesitamos contar coas ferramentas e cos coñecementos que nos permitan mellorar a coordinación e a resposta institucional”, sinalou o alcalde.

A Área de Igualdade do Concello de Dodro conta co apoio da Deputación da Coruña, a través do Programa de subvencións a entidades locais para o financiamento de persoal técnico de igualdade de xénero e do FOAI 2026.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.