O Festival Atlántica levará tres narracións orais a paraxes naturais da Pobra

O Festival Atlántica, un dos grandes acontecementos da tempada estival, co seu cargamento de contos e historias de boca das máis representativas figuras da nosa narración oral, ten este ano unha máis que relevante presenza na nosa comarca. Por exemplo na Pobra do Caramiña, un dos concellos nos que se vai desenvolver o programa deste festival internacional que espallará historias en diferentes puntos da xeografía galega.

Para o municipio pobrense achéganse tres propostas concretas. A primeira adscríbese ao bloque dirixido a público infantil e familiar. Será no 1 de xullo, a partir das 20.30 horas, con Outra vez!, a cargo de Vero Rilo. A paraxe escolleita é a praia da Illa, na zona do piñeiral.

As outras dúas funcións están dirixidas ao público adulto. Deste xeito, no 4 de xullo, Cándido Pazó achegará Como dicía o outro. Transcorrerá a partir das 21.00 horas no Castro da Croa de Posmarcos. E no 9 de xullo será a quenda de José Luis Gutiérrez ‘Guti’ con Lobadías. O enclave establecido é A Portela, na serra do Barbanza, a partir das 21.30 horas.

As reservas son de balde e deben formalizarse a través da páxina web www.festivalatlantica.gal. As mencionadas actuacións contan co patrocinio da Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).