O BNG advirte do imporante risco medioambiental que implican as presas das Minas de San Finx

08 Xuño 2021

O Grupo do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada Rosana Pérez Fernández e do deputado Luis Bará Torres, vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate no pleno do Parlamento, relativa ás Minas de San Finx en Lousame e á situación na que se atopan, cuxos detalles debullaron este 7 de xuño en rolda de prensa. En liñas xerais, o grupo require a recuperación ambiental deste emprazamento, a retirada de residuos mineiros das presas e a demolición das presas. Advirten do importante risco medioambiental que implica “a posibilidade real de que haxa unha rotura nestes encoros e os residuos cheguen á ría”.

Na proposta os nacionalistas esixen que en cumprimento da Lei 26/2007, de 23 de outubro, de Responsabilidade Medioambiental, se lle esixa á concesionaria mineira adoptar e executar as medidas de prevención, evitación e reparación de danos medioambientais e que, “no caso de omisión, retardo, resistencia ou obstrución, se inicie subsidiariamente a execución destas medidas con cargo ao patrimonio de Tungsten San Finx S.L., dos seus administradores, propietarios, xerentes, director facultativo e demais responsábeis subsidiarios”.

Tamén se solicita “dar cumprimento ao programa de intervencións propostas por Augas de Galicia no seu informe sobre a titularidade das presas de residuos mineiros”, en particular procedendo “á retirada dos residuos mineiros acumulados nas dúas presas de residuos así como á restauración ambiental do leito degradado e a demolición das presas”.

Asemade, pídese “suspender temporalmente a actividade do Grupo Mineiro San Finx para os efectos de regularizar esta explotación, requirindo ao titular a presentación dun proxecto de explotación completo cunha boa calidade técnica”, ao que “se xunte a solicitude de inicio da tramitación da avaliación de impacto ambiental así como os outros requisitos esixidos pola Lei 3/2008, de ordenación da minería de Galiza, na maneira nela establecida, incluíndo a revisión do plan de restauración conforme ao establecido no artigo 7 do Real Decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, todo iso atendendo ao informe do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura territorial da Coruña de 04/03/2020.”

Respecto da exposición de motivos, o BNG fai un repaso pola historia da explotación para logo poñer o foco en marzo de 2017, cando a nova empresa concesionaria, Tungsten San Finx S.L., filial do Grupo Sacyr, recoñeceu que as presas presentan un importante grado de deterioro, aínda que poucos meses antes dixese que estaban en bo estado. En palabras dos nacionalistas, “a falla crítica destas instalacións de residuos mineiros implicaría liberar ao medio unha cantidade moi importante de substancias perigosas, que poderían forzar o peche dos bancos marisqueiros da ría de Muros Noia durante anos”.

O grupo lembra que o devandito risco foi confirmado nun informe sobre as presas de residuos mineiros elaborado por Augas en Galicia en 2017, que indicaba que a máis grande das presas, que protagonizara o tráxico incidente da “catástrofe de 1960”, ano no que rebentaron as súas comportas inundando toda a veiga augas abaixo, “encóntrase practicamente colmatada, e ao estar situada augas abaixo e ter unha maior altura, o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental coa eventual rotura da presa”.

A agrupación do BNG recorda tamén que en 2019 o hidrólogo experto en presas de residuos mineiros Steven H. Emerman, alertaba sobre “os signos dun proceso de licuefacción interna que presenta a maior das presas, na que as partículas dos líquidos que retén comezan a substituír as partículas sólidas da estrutura de formigón, visíbeis a modo de filtracións tinxidas pola presenza de metais pesados”.

Nunha visita efectuada este mesmo mes o BNG puido comprobar como o tabique que contén a comporta inferior da presa presenta signos de falla, xerando un caudal continuo. “O colapso das comportas ou da propia presa causaría unha importante contaminación considerando o volume de lodos almacenados”, explican, engadindo que “esta situación pon de manifesto o enorme risco que representa a inacción na restauración desta zona, polo que cómpre levar a cabo canto antes as accións pertinentes para proceder á restauración do espazo natural afectado pola actividade mineira, de modo a non repetir a catástrofe de 1960 co colapso dunha das comportas”.

E engaden: “A rotura da presa, a 5 quilómetros da ría de Noia, suporía o peor dos escenarios e podería producir un impacto ambiental moito maior, como constata Augas de Galicia. Non caben, polo tanto, máis escusas, para que a administración non tome cartas no asunto”.

Outros artigos

Falece afogado un home de 80 anos na praia de Caldebarcos en Carnota

Un home de 80 anos morreu afogado na mañá deste venres na praia de Caldebarcos, no municipio coruñés de Carnota, á que acudira para darse un baño. O falecido é veciño de Caldebarcos. O corpo da persoa falecida foi recuperado por un particular. Foi o mesmo particular...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...