Licitada a adquisición de madeira e parafusos para a pasarela de Coroso, en Ribeira

O Concello de Ribeira vén de sacar a licitación o subministro de madeira e parafusería para a renovación integral da pasarela de Coroso, incluíndo a mellora da súa accesibilidade ao ampliar a súa anchura.

O contrato ten un prezo de licitación de 79.218,70 euros e o prazo de execución é dun mes.

A intención destes traballos, en palabras do Concello, é “renovar a pasarela existente entre o final do paseo de Coroso e o estacionamento do cámping, xa que se atopa bastante deteriorada ao estar no final da súa vida útil”. Amais, no ánimo de mellorar a accesibilidade e facilitar a circulación dos peóns incrementarase o ancho ata os 2,5 metros.

A renovación da pasarela será efectuada polo obradoiro de emprego Tahume VI, que está sendo compartido polos municipios de Porto do Son e Ribeira.

De acordo co prego de cláusulas administrativas contémplase o subministro de 2.400 táboas de madeira de pino do país de 2,5 metros de longo x 20 centímetros de ancho x 5 centímetros de espesor; 552 táboas de pino de pais de 2,5 m. x 20 cm. x 7,5 cm.; 485 postes redondos con acabado en punta; 27.000 parafusos de aceiro inoxidable de 6 mm. de diámetro e 10 cm. de lonxitude; e 3.300 parafusos de aceiro inoxidable de 6 mm. de diámetro e 16 cm. de lonxitude.

As empresas interesadas dispoñen ata o 21 de xuño á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).