Galicia contará cun plan destinado a preservar a cultura marítima con horizonte 2030

02 Xuño 2021

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio entre a Consellería do Mar, a
Universidade da Coruña e a Fundación da Universidade da Coruña para o desenvolvemento
do Plan da cultura marítima-horizonte 2030. A través desta vía redactarase un documento
base deste plan no que se proporán liñas estratéxicas, iniciativas e accións para o período
2021-2023 e os pasos a seguir no futuro co obxectivo de preservar a cultura marítima de Galicia.
A esta colaboración a Consellería do Mar destina máis de 192.500 euros a distribuír nas
anualidades 2021-2023 e para cubrir os custos do desenvolvemento das accións que abarca
o convenio, das persoas investigadoras e de apoio e os gastos correntes de
desprazamentos e material funxible, entre outros. A Fundación Universidade da Coruña,
como responsable da xestión económica de contratos de investigación da UDC, encargarase
da administración e xestión económica do convenio.
O traballo a realizar cubrirá todo o litoral galego para definir as liñas das políticas culturais
unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo. Para iso a Universidade da Coruña
realizará unha investigación que estará dirixida polo profesor e experto na materia, Óscar
Fuertes Dopico e a Consellería do Mar facilitaralle apoio e asesoramento técnico cando sexa
preciso.
Nela abordarase unha análise para un diagnóstico concreto da cultura do mar e ademais
debaterase con expertos vencellados ao sector do mar, coas principais asociacións da
cultura marítima e outros axentes relacionados con este ámbito.
Estes labores realizaranse en seis fases. As tres primeiras son a de investigación, a de
elaboración dun documento marco preliminar e lanzamento entre os axentes culturais e a de
seguimento e realización das accións. As partes restantes serán a de análise e resultado
das accións e propostas de futuro, a coordinación dos efectos das accións e das
necesidades futuras e a elaboración dun documento de actualización do plan inicialmente
proposto, pois será un documento vivo.
O cronograma de accións que abarca esta colaboración estenderase desde outubro de 2021
ata decembro de 2023. De feito, o convenio estará vixente desde a data da súa sinatura ata
o 31 de decembro de 2023 con posibilidade de prórroga se así o deciden as partes
asinantes.
Para cuestións de interpretación, modificación, resolución ou efectos que poidan xurdir
durante a execución do convenio crearase unha comisión de seguimento que estará
constituída por dous representantes da Consellería do Mar e dous representantes da
Universidade da Coruña.
O Plan da cultura marítima-horizonte 2030 terá como finalidade promover a protección e
consolidación do patrimonio galego vencellado ao mar, como construcións, obxectos e
creacións inmateriais. Para iso tratará de compilar a presenza dos elementos culturais, e
patrimoniais e analizar o seu estado de conservación, entre outros aspectos. Este acervo
resulta de gran valor porque explica a transformación do territorio e o modo de vida da xente
do mar, a súa construción social e cultural ao longo do tempo e a evolución dos seus oficios
e técnicas.
Aposta do Executivo galego
Este convenio de colaboración enmárcase na aposta da Xunta pola posta en valor e
recuperación do patrimonio marítimo de Galicia. Unha cuestión que tamén se reflicte por
outras vías, como por exemplo, a dos grupos de acción local do sector pesqueiro aos que se
poden presentar proxectos que fomenten a conservación do patrimonio relacionado co mar
cos que poden optar ás axudas que o Goberno autonómico destina ás iniciativas destes
grupos.
Outra mostra é o Estudo do bordo litoral desde a enseada de Broña a Punta Barquiña no
concello de Outes, do que é responsable Óscar Fuertes Dopico e que contou co apoio da
Consellería do Mar. Este traballo pon en valor diferentes construcións do litoral desta zona,
como antigas rampas, diques, casetas de pescadores ou estaleiros tradicionais, que amosan
unha parte do pasado da Galicia mariñeira e establece liñas de actuación para poder
garantir a súa protección.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

Daquela, hai algo máis de cincuenta anos, algúns dos aldeáns e aldeás das aldeas de Lugochegaban ao Instituto para abrir as portas do futuro, pechadas a cal e canto para os fillos daMariña, para os das montañas da Fonsagrada, dos Ancares, do Courel e da Lóuzara...