A rehabilitación do Museo do Mar de Rianxo inclúe espazos (permanentes e temporais) para usos enogastronómicos

09 Xuño 2026

O presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal Suárez, xunto coa xerente da entidade, Fátima Cachafeiro Blanco e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo Abuín, visitaron este 9 de xullo as obras de acondicionamento do renovado Museo do Mar de Rianxo (antiga Casa do Coxo) que encaran a súa recta final. Neste espazo renovado as empresas locais poderán presentar os seus produtos e realizaranse pequenos eventos que aporten valor engadido.

“Esta é unha aposta de colaboración público-privada, dirixida a acadar o obxectivo de converter Barbanza Arousa nun destino enogastronómico diferenciado, de calidade e atractivo durante todo o ano” subliñou o presidente da Mancomunidade, José Carlos Vidal.

Unha aposta que ten “neste edificio emblemático, que honra a cultura mariñeira do territorio, un dos seus recursos máis importantes”, engadiu a xerente Fátima Cachafeiro.

Tamén de identidade falou o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, á hora de valorar a creación das aulas enogastronómicas no Museo do Mar. “Esta actuación, para nós, é unha dobre satisfacción. Por unha banda incorpóranos dun xeito máis potente, na estratexia turística da Mancomunidade, poñendo en valor a nosa historia mariñeira, o traballo daqueles que viviron, e aínda viven, do mar e os nosos produtos. E por outra banda, permítenos rehabilitar un equipamento como o Museo do Mar”.

Traballos en marcha

Os traballos de acondicionamento do Museo do Mar, antiga Casa do Coxo inclúen entre outras actuacións a renovación da cuberta, das fachadas exteriores, da carpintería externa e o pavimento de madeira danado do interior; a renovación do sistema de climatización e auga quente e melloras na accesibilidade como a eliminación do chanzo da porta de entrada ou a renovación dos aseos.

Ademais as aulas de usos enogastronómicos disporán dos equipamentos necesarios para o seu cometido como, por exemplo: unha cociña industrial, con dous postos de traballo, pantalla con proxector, paneis informativos ou unha reixa móbil para separar estes espazos do conxunto do Museo, co fin de poder ter horarios diferentes.

A partir da entrada en funcionamento, neste verán, as aulas enogastronómicas acollerán obradoiros de cociña, demostracións, degustacións e catas comentadas, presentación de produtos de empresas locais e galegas, etc… Iniciativas, todas elas, dirixidas a pór en valor produtos gastronómicos da contorna, sobre todo vencellados ao mar e aos caldos da IXP Barbanza e Iria.

O proxecto de rehabilitación con criterios de sustentabilidade do edificio e a creación de espazos enogastronómicos no Museo do Mar de Rianxo sae adiante ao abeiro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSDT) Barbanza Arousa, promovido pola Mancomunidade. O Plan conta co apoio da Axencia Galega de Turismo, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, e está financiado con fondos Next Generation da UE. As dúas accións do proxecto contan cun orzamento conxunto de 120.000 euros.

O obxectivo declarado do PSTD Viaxe a través da historia dos sabores é consolidar a comarca Barbanza Arousa como un destino enogastronómico diferenciado, de calidade e desestacionalizado, vencellado aos produtos do mar e aos caldos da terra (IXP Barbanza e Iria), e arroupado por un relato turístico alicerzado na paisaxe e natureza, na historia e patrimonio industrial da zona, no que a pesca e marisqueo, a salgadura e a conserva son máis que actividades económicas: son cultura e identidade. Neste marco inclúese a rehabilitación do patio e edificio, con criterios sustentábeis, do Museo do Mar de Rianxo e a creación no seu interior de espazos (permanentes e temporais) para usos enogastronómicos.

Outros artigos

Ribeira prepárase para unha nova edición do IV Ciclo da USC

O Concello de Ribeira mantén aberto o prazo de matrícula da IV Ciclo da USC ata o 24 de xullo; unha acción formativa dirixida a alumnado maior de 50 anos, tal e como indicou a concelleira de Educación, Nucha Brión. Segundo manifesta a edil, "nunca é tarde para seguir...

+

Este domingo 12 celébrase a XII Carreira pola Diversidade de Ambar

Este domingo 12 de xullo, terá lugar a celebración da Carreira pola Diversidade dende as 10h na explanada de Coroso (Ribeira), tras o aprazamento da data inicial no mes de maio. A gran novidade desta edición é o enfoque cara a unha "experiencia transformadora". Ambar...

+

Julián Bustelo e Ana Vidal visitan a rapazada do Concilia Verán 2026

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e a concelleira de Xuventude, Ana Vidal, visitaron esta semana aos nenos e nenas participantes no programa Concilia Verán 2026: unha completa axenda de actividades para favorecer no concello a harmonía entre o tempo de lecer da...

+

Este sábado celébrase a Festa de San Benito de Bergondo (Noia)

Este sábado 11 de xullo, a parroquia de Bergondo (Noia) vai celebrar a súa tradicional Festa de San Benito cunha programación pensada para todas as idades: sesión vermú, gastronomía, inchábeis con auga, festa da escuma e moita música ata ben entrada a noite. A festa...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.