Arrincou o fam trip de Barbanza Arousa con 15 axencias convidadas

A Mancomunidade Barbanza Arousa iniciou este luns 14 de xuño un fam trip para dar a coñecer, ante 15 axencias estatais e internacionais, os recursos e produtos do destino turístico dos nosos concellos.

Andorra, Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Castela León son algunhas das procedencias das axencias de viaxes que participan nesta viaxe de familiarización para mostrar o Camiño de Santiago no Barbanza, o patrimonio arqueolóxico e cultural, a natureza e os recursos inmateriais da nosa comarca.

Por certo que os fam trip (viaxes de familiarización en inglés), para quen non o saiba, son itinerarios de cortesía que se ofrecen a operadores turísticos ou axencias de viaxe para que poidan mergullarse na experiencia dun territorio en concreto.

A iniciativa de Barbanza Arousa arrincou este luns cun obradoiro-demostración no hotel Norat Palmeira Playa, no que estarán involucradas as empresas turísticas de Barbanza Arousa. Durante os seguintes días, os participantes percorrerán os concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo realizando diferentes actividades como visita ao Parque Nacional, o patrimonio arqueolóxico e pequenos treitos do Camiño de Santiago A Orixe.

O mércores realizarase unha cea de gala e presentación do proxecto, contando tamén coas impresións dos participantes que inician este 14 de xuño a súa viaxe de recoñecemento do territorio.