A USC distingue o talento en escaneado 3D de tres estudantes da Pobra

A novena edición do campionato internacional D3Mobile Metrology World League, impulsado dende o Campus de Lugo (USC) para mostrar o talento da nosa mocidade en materia de deseño e escaneado 3D de precisión co tabletas e teléfonos móbiles, xa ten palmarés. O equipo que tivo unha máis sobranceira actuación nesta edición do certame foi o NIIDEA3D do IES Muralla de Lugo, que se proclamou campión cun modelo 3D dun globo terráqueo. Tamén houbo grandes actuacións dende Italia (o equipo do Istituto Calasanzio de Empoli, Florencia) e dende A Pobra do Caramiñal (o equipo YAG do Instituto de Educación Secundaria da Pobra).

Campións

O equipo NIIDEA3D do IES Muralla Romana de Lugo vén de gañar coa elaboración dun globo terráqueo a novena edición da D3Mobile Metrology World League, campionato convocado polo grupo de investigación CIGEO da EPS de Enxeñaría da USC e que conta con financiamento da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e a Sociedade Internacional de Forogrametría e Teledetección (ISPRS). Así, tras avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados polos 44 equipos que acadaron a final, o xurado acordou proclamar vencedores da categoría Metrólogos aos alumnos Adrián López Montouto, Nahir Armesto Pallares e Juan Carlos Amedo López, coordinados pola profesora Marta Goy López. Na segunda proba, este equipo de Lugo elaborou un globo terráqueo mentres na terceira proba, conseguiu un erro medio inferior a 0,05 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior.

Subcampións

Os italianos Giovanni Spinelli e Arianna Cioni, coordinados polo profesor Matteo Batistini, obtiveron a segunda mellor puntuación tras escanear en 3D un ave zancuda disecada cun erro medio inferior a 0,09 mm.

Talento da Pobra

Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo dun transformer escaneado en 3D, elaborado polo equipo YAG, do IES Pobra do Caramiñal, formado polos alumnos Yeray Mariño Gómez, Antía Gómez Rego e Gabriel González González, que estiveron coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea.

Fomento de competencias do século XXI

Outro dos premios establecidos polos promotores da D3Mobile fomenta as competencias do alumnado para realizar unha campaña de difusión dos seus resultados, a fin de conseguir que o público do campionato valore e vote o seu modelo 3D. O equipo da categoría de metrólogos máis respaldado polo público de todo o mundo foi o do IES Aguilar e Cano, de Estepa (Sevilla), formado por Javier Frochoso García, Andrea García Casín e Patricia Martín, coa coordinación do profesor Salvador Páez Díaz. Este grupo conseguiu dar a coñecer o modelo 3D dunhas zapatillas co que obtivo unha gran cantidade de votos.

Difusión do labor científico da USC

O galardón á difusión do labor científico da USC, unha distinción que requiría que os participantes seleccionaran un obxecto representativo dos resultados de investigacións desenvolvidas por científicos da USC, recaeu no equipo B&W, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, formado por Isabela Vélez Galego e Brais Lorenzo Uriz. O profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz actuou como coordinador deste equipo, que elaborou un modelo 3D da figura dun animal relacionado co Grupo de Investigación Análise e Conservación da Biodiversidade (ACBiodiv).

Promocion da ISPRS

O premio á difusión da Sociedade Internacional para a Fotogrametría e a Teledetecció foi para o equipo Pataqueiros, do IES Poeta Díaz Castro, formado por Raúl Paredes Rodríguez, Abel Pena Bondelle e Daniel García Cordeiro. Coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, estes estudantes de Guitiríz realizaron un modelo3D representativo do relevo de Galicia.

Científicas etecnólogas na arquitectura e enxeñaría

A IX D3Mobile Metrology World League , en cuxa organización colaboraron a Universidade de Florencia, o Centro Español de Metrología (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), tamén contribuíu sensibilizar a todos os participantes no papel que xogou e xoga a muller na enxeñaría e a arquitectura, co premio D3Mobile-Fundación Mulleres, ao que optaban aqueles equipos que seleccionasen para modelar en 3D un obxecto representativo dunha científica/tecnóloga de éxito nos eidos da enxeñaría e/ou a arquitectura. O premio foi a parar a mans do tamén equipo de Guitiriz Mivecino.com, do IES Poeta Díaz Castro, formado por Laura Deive Xaneiro, Lucía Villar Martíns e Yago Martínez Pena. O profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz coordinou a realización do modelo 3D titulado Poción, un traballo feito en homenaxe á bióloga española experta en coronavirus Isabel Soa Gurpegui, que é codirectora do laboratorio de Coronavirus do Centro Nacional de Biotecnoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas-CNB-CSIC.

Gañadores de Galicia e Lugo

O gañador do premio ao mellor equipo de mozos metrólogos galegos, outorgado pola Xunta de Galicia, recaeu tamén no IES Poeta Díaz Castro. Nesta ocasión, o equipo galardoado foi o formado por Érika Bao Castro, Noemí Vázquez Roca e Javier Mulet Maio, que, coordinados polo profesor Barreiro Rivas, escanearon unha forquita. O equipo O Trío, do IES Ánxel Fole de Lugo, integrado polos alumnos Yaiza Cobas Varela, Antía Curral Meilán e Lucía Curral Rivas, coordinados pola profesora Ana Belén Lamas Lombao e que saldaron a súa participación na IX D3Mobile co escaneado en 3D dunha cunca, recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo no marco dunha cerimonia que se celebrará ao longo do mes de setembro.