Política Lingüística levará a Ribeira o documental Poeta nas marxes, o venres 11 de xuño

Proseguen este mes de maio, logo do punto álxido da xornada do 17, as celebracións das Letras Galegas e do legado poético de Xela Arias. Neste senso, a Secretaría xeral de Política Lingüística puxo en marcha a actividade Xela Arias. Poeta nas marxes, coa que fai partícipe á Rede de Dinamización Lingüística da homenaxe á autora anfitrioa deste 17 de maio con proxeccións audiovisuais do documental homónimo dirixido por Beatriz Pereira e un coloquio posterior arredor da súa figura, vida e obra. A actividade, como avanzamos onte dende O Barbanza, pasará por Ribeira, concretamente o venres 11 de xuño no Auditorio Municipal, a partir das 20.00 horas.

Francotiradora das letras

A partir dos testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia, o documental percorre a vida e obra dunha “francotiradora das letras”, deténdose en todas as arestas que fixeron de Xela Arias unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, tradutora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega.

Presentación

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o fotógrafo Xulio Gil, presentaron a xira audiovisual este 20 de maio, que, segundo fixeron saber, chegará a 30 localidades da nosa terra, incluída Ribeira.

Trátase dunha das accións do programa conmemorativo da festa do 17 de maio impulsado pola Xunta.

A iniciativa consiste nun programa de proxeccións audiovisuais do documental homónimo dirixido por Beatriz Pereira arredor da escritora.

Como dixemos, foi presentado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado da directora e produtora do documental, Beatriz Pereira, e do fotógrafo Xulio Gil en representación da familia Arias Castaño. Valentín García destacou que “con esta peza documental queremos facer partícipes da programación institucional das Letras a concellos e entidades da Rede de Dinamización Lingüística e á súa cidadanía para que a festa da lingua galega se estenda máis alá do propio 17 de maio, do mes das Letras, e teña presenza ao longo de todo o ano para mostrar e recoñecer a figura, a vida e a obra de Xela Arias”.

As proxeccións, dirixidas a todos os públicos desde os 12 anos de idade, chegarán desde este mes ata outubro aos concellos de Sarria, Folgoso do Courel, Xinzo de Limia, A Pobra de Trives, Moaña, Tomiño, Marín, Ribeira, Melide, Lalín, Monforte de Lemos, O Pereiro de Aguiar, O Carballiño, Cabana de Bergantiños, Viveiro, Mondoñedo, Ferrol, Lobios, Vilalba, Ponteareas, Fene, Mazaricos, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Ordes, Sanxenxo e ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, todos eles pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.

Toda a información e calendario están xa dispoñíbeis no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.