Oito centros educativos, entre eles o CEIP Plurilingüe de Outes, gañan o III Concurso de podcast Radio na Biblio sobre Xela Arias

A Xunta de Galicia vén de resolver o III Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que convoca coa colaboración da Radio Galega. Un total de oito centros educativos de toda Galicia resultaron gañadores con traballos realizados ao abeiro do programa Radio na Biblio e arredor da figura de Xela Arias, co gallo do Día das Letras 2021.
Na modalidade de Infantil e primeiro ciclo de Primaria os premiados son No berce da lingua, do CEIP Plurilingüe de Outes (Outes) e As aventuras do avó Manuel, do CPI Plurilingüe de Rodeiro. No caso da modalidade para alumnos de 3º a 6º de Primaria, os gañadores son Entrevista á nena Xela Arias, do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños) e Na busca do felino, do CEIP Mestre Manuel García (Oia).

CEIP Plurilingüe de Outes

Na categoría de alumnado de Secundaria os galardoados son Xela é moita Xela, do CPI de Cervantes, e Poesía que alimenta, do IES Monte Carrasco (Cangas). Finalmente na modalidade de estudante de ensinanzas de Bacharelato, de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos, resultan premiados Voces para Xela, do IES Punta Candieira (Cedeira), e
Exóticas, da Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa.
Para participar neste certame os centros debían presentar traballos sonoros como entrevistas, cuñas publicitarias, noticieiros, faladoiros, debates ou programas monográficos, entre outros formatos, todos eles en lingua galega.
Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os podcasts premiados serán emitidos por esta emisora; á súa vez, serán difundidos a través da súa páxina web e
da canle dixital do Diario Cultural.
O obxectivo do certame é estimular a elaboración de produtos radiofónicos por parte dos estudantes, enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculados á lectura de poesía galega ou ao mundo do libro, da edición e da tradución.