Abre as súas portas en Ribeira a segunda Feira do Vehículo Híbrido e Eléctrico

Finalmente a segunda edición da Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico abriu este venres 28 as súas portas na praza de España, con sesenta modelos de dez concesionarios diferentes a exposición.

O acto inaugural do certame correu a cargo do alcalde Manuel Ruiz e do presidente da Asociación de Empresarios, Francisco Martínez. O rexedor salientou “a boa idea de poder levar esta feira por segunda ocasión”, grazas en parte á axuda da Cámara de Comercio de España e os Fondos FEDER, salientando que “a iniciativa pode resultar unha axuda para un sector que o está pasando mal nesta pandemia”. Ao fío disto, lanzou un convite á cidadanía para que visite o recinto feiral e se interese por unha clase de vehículos que “xa son presente e non só futuro”.

Pola súa parte Francisco Martínez explicou que dende a asociación están a facer importantes esforzos por defender os sectores implicados tanto a nivel empresarial e comercial como a nivel de restauración e hostalería.

A feira estará aberta durante os días 28, 29 e 30 de maio na praza de España en horario de 10 a 21 horas.

Este sábado contará coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde.

A iniciativa forma parte do proxecto Ribeira, un mar de comercio, que foi seleccionado no marco dos proxectos singulares promovidos por terceiras entidades e orientados á modernización comercial do Programa de Apoio á Competitividade do Comercio Minorista 2020, no que o Concello de Ribeira e a Cámara de Comercio de España asinaron un convenio de colaboración cunha porcentaxe de co-financiamento mínimo do 80% de Fondos FEDER.

Horario e marcas

O horario de apertura ao público da feira será de 10.00 a 21.00 horas. Segundo informa a asociación, poderemos atopar vehículos de vangarda das principais marcas de automóbiles do mercado: Citroën, Toyota, Ford, Renault, BMW, Nissan, Mercedes, Kia, Hyundai e Peugeot.

As persoas interesadas nos modelos que se van presentar na feira, na que se porá o foco nos vehículos máis sustentábeis que se poden atopar nos concesionarios da nosa comarca (híbridos e eléctricos principalmente), terán ocasión de probalos e contarán, para coñecer todas as súas prestacións, coa axuda de persoal especializado.

A entrada é gratuíta.