Ribeira pide nas súas alegacións ao PRUX axudas e compensasións aos afectados e a posibilidade de compra de fincas en abandono

Logo das distintas reunións e suxestións recollidas por parte de diversas entidades e usuarios afectados polo parque natural de Corrubedo o Concello vèn de presentar as súas alegacións por medio dun documento de 25 páxinas no que se recollen todos tipos de consideracións.
A intención do Grupo de Goberno do Concello de Ribeira á hora de formular tales alegacións reside na conservación e mellora dos valores ambientais do parque natural ao tempo que serva de panca económica e social, sempre baixo o prisma do respecto.
Así, tendo en conta os inconvenientes que esta figura de conservación leva aparellado aos propietarios dos terreos incluídosdentro dos seus límites, segundo se expresa no documento considérase necesario que os afectados sexan compensados con axudas encamiñadas á integración visual dos seus inmobles na contorna, ademais do desenvolvemento de actividades que redunden na economía local e nunha mellor calidade de vida dos seus habitantes.
A este respecto, estímase primordial incrementar a dotación orzamentaria prevista para este decenio e, do mesmo xeito, que as ordes reguladoras de axudas para a veciñanza das parroquias en que se enclava o parque Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán sexan independentes das doutros parques naturais, ou ben que o reparto das mesmas sexa máis proporcional e equitativo.
Ademais, demándase o aumento do persoal dedicado aos labores de vixilancia e mantemento e que se alcancen acordos cos veciños a fin de que terreos en mans privadas actualmente sen uso poidan pasar a titularidade pública, aproveitando a compra de fincas en terreos de uso compatible para poder unir a través dun camiño as dúas partes do parque natural (zona do CIELGA e zona do aparcadoiro de Olveira).
Por outra parte, o documento presentado polo Concello incide en aspectos urbanísticos, tendo en conta que o criterio empregado foi o da adecuación de núcleos á lei do solo de Galicia de 2016 en canto á súa consolidación e que como criterio xeral se incluíu os solos A e B de 200 e 500 metros e se incorporaron pequenos espazos desnaturalizados que estaban en C de maior esixencia. A estes efectos solicitouse o poder darse o cambio de uso e que as condicións de uso sexan as que establece o lei do solo en canto a consolidación e ampliación. Tamén se contempla a posibilidade de
cambiar en certas parcelas de uso limitado a xeral para poder emprender certas iniciativas como aparcamentos disuasorios.
Ademais, bótase en falta que en todo o límite perimetral do parque natural se reserve unha franxa de alomenos cinco metros de lonxitude que puidese servir para a dotación de servizos públicos indispensables como poden ser sendeiro ecolóxico, canalización de augas ou paso de servizos públicos indispensables, e que polo tanto nesta zona desnaturalizada pola actividade humana pídese se considere zona de usos xerais ou cando menos que mantendo a
mesma cualificación actual se permitan como usos autorizables os antes mencionados.
Outras alegacións son as seguintes:
 Restauración das zonas queimadas: debería levar consigo algún tipo de actuación, non unicamente a rexeneración natural tal e como se xestiona na actualidade.
 Promoción da plantación de especies frondosas: debe ir acompañada da posibilidade, de cara o futuro, de aproveitar a madeira desas masas en condicións adecuadas que eviten o impacto dunha corta a matarrasa.
 Inclusión como uso permitido o baño na zona de Río do Mar, ou se inclúa esta área na Zona 3 de uso xeral, sempre
adoptan25do as medidas ou limitacións necesarias para a adecuada conservación dos hábitats de interese, como por
exemplo as turbeiras.
 Permiso para a práctica do windsurf, habilitando sendos corredores na zona de A Ladeira e na zona do Vilar para
acceder coas táboas a pé ata as augas interiores da baía de Corrubedo nas mesmas condicións que calquera peón.
 Que á hora de regular as escolas de surf se teñan en consideración as zonas onde soen dar as súas clases
atendendo á seguridade do alumnado e á situación dos bancos de area.
 Cambio a uso permitido da pesca deportiva en toda a zona costeira do parque.
 Incorporación entre as competicións deportivas permitidas de probas que no causen afeccións como as travesías a nado.
 Autorización do paseo con cans con correo por camiños nos que se admite o tránsito peonil.
 Ampliación dos camiños ou sendeiros nos que se pode transitar e abrir a posibilidade a quen un futuro se compatibilice o uso dos mesmos por bicicletas e peóns.
 Inclusión do Refuxio de Olveira na zona de uso xeral.
 Conexión por sendeiro das dúas partes do parque (contorno do CIELGA e contorno do Aparcamento de Olveira), adquirindo para o seu trazado fincas agrícolas en estado de abandono situadas en zonas de usos autorizables.
 Acceso en vehículo en todas as vivendas enclavadas no parque.
 Estudo para valorar a incidencia das xunqueiras en fincas de labradío abandonadas.
 Controles poboacionais sobre os xabarís
 Eliminación de plantas invasoras
 Estudo do impacto real da presenza humana na duna móbil
para cuantificar, de ser o caso, o número de persoas que
poderían visitala baixo o réxime de visita guiada.
 Habilitación de zonas de aparcamento disuasorio na contorna.
 Asunción pola administración autonómica dos traballos de limpeza e outros mantementos necesarios en ríos, regatos e corcovas localizados dentro do espazo natural protexido.

Habilitación de liñas subvencionables de axudas para garantir a seguridade nos pozos de rega tradicionais.
 Asunción pola administración económica da xestión de animais mariños varados ou, de non ser posible, permiso ao Concello para acceder con vehículos coa fin de efectuar a correspondente retirada.