Pastor Rodríguez: “Queremos que Artes sexa un referente galego, estatal e internacional en materia museística e formativa”

A todas luces, semella que o feito de que coincidise no tempo, no Museo do Gravado de Artes (Ribeira), a inauguración da mostra de homenaxe a Manuel Ayaso co inicio do remate (agardemos que definitivo) das fases máis crúas da pandemia é un duplo acontecemento significativo que transcende o circunstancial e nos pon no terreo das cousas que deixan pegada, na semente do histórico. Se a isto lle engadimos os novos apoios ao proxecto que veñen de chegar do Goberno galego, estariamos, segundo nos conta nesta entrevista Pastor Rodríguez, director do Museo, ante a consolidación definitiva deste proxecto como o referente museísitico e docente que sempre quixo ser.

-Pastor, o Museo do Gravado de Artes parece estar vivindo un momento importante na súa historia. Á longa serie de actividades expositivas e formativas impulsadas polo Museo súmase agora o fito histórico da exposición de homenaxe ao aguiñense Manuel Ayaso (un dos máis destacados artistas do panorama galego, estatal e internacional), e máis o apoio referendado o pasado 5 de marzo pola Consellería de Cultura e Educación. Que supoñen para ti estes acontecementos?

-Como director do Museo do Gravado, todo isto supón non só unha satisfacción persoal, senón tamén que o proxecto do Museo se consolida, engadindo os labores de custodia, exposición e divulgación dos seus fondos, outros obxectivos fundamentais: a edición, a promoción dos grandes artistas do Barbanza e, sobre todo, os obradoiros de gravado, en colaboración coa Universidade de Salamanca, que esperamos facer permanentes, para que Artes sexa, ademais dun espazo museístico un centro de ensino e produción de gravados con novas técnicas.

Pastor Rodríguez na nauguración da mostra de homenaxe ao artista local Manuel Ayaso

-Cal será o futuro do Museo do Gravado de Artes a curto e medio prazo? Podemos seguir agardando un fortalecemento do seu papel de referente artístico e cultural a nivel comarcal e galego?

-A miña esperanza é que o Museo do Gravado de Artes se consolide, tanto a nivel expositivo, editor e de centro de formación da arte do gravado. Tamén agardo que siga a ser un referente a nivel comarcal, mais tamén a nivel galego, español e internacional, para divulgar os seus fondos e contribuír á expansión da nosa cultura.

-Como afrontou o Museo a crise da pandemia, unha complexa situación da que aínda estamos pendentes de recuperarnos e da que agardamos poder despedirnos definitivamente canto antes? A nivel máis xenérico, cal é a fórmula dun museo para sobrevivir cando non hai público nin asistentes nin alumnos que formarse nas súas actividades de divulgación?

-A pandemia condicionou a actividade do Museo do Gravado, como a de toda a actividade cultural a nivel mundial. O Museo tivo tamén que reinventarse por medio do mundo audiovisual, confeccionando unha serie de vídeo-documentais para as redes e os medios dixitais, labor que está a continuar. Os fondos do Museo que se mostraron foron: Durero, Goya, Van Dyck, Dalí, Rembrandt, Seoane, Gustave Doré, así como visitas virtuais ás mostras expostas nas propias salas do Museo.

-A exposición de homenaxe a Manuel Ayaso semella un dos grandes fitos históricos do Museo: por ser Ayaso un artista local, pola inmensa importancia do seu legado creativo, polo seu valor como persoa e por coincidir a homenaxe, signicativamente, con estes tempos de resistencia e desescalada nos que parece que, pouco a pouco e cun xeito contido e racional, podemos volver respirar. Cal é a túa visión sobre este tributo ao artista de Aguiño? Que podemos atopar na exposición? Que destacarías dela?

-Manuel Ayaso é, sen dúbida, un dos grandes artistas galegos, cunha proxección, insólita entre nós, no mundo artístico de EE UU e Canadá. Un home con obra nos grandes museos do Mundo, entre o que se pode citar o MOMA de San Francisco, entre outros. A exposición de Manuel Ayaso amosa que non só estamos ante un gran pintor e debuxante, senón tamén un gran gravador. A exposición amosa a interpretación que Ayaso fai do mundo de Franz Kafka, de xeito magnífico, pois son dous creadores próximos ao mundo dos soños, da angustia, con tintes de humor grotesco, que amosan o absurdo e as dificultades da vida humana. Trátase de 110 gravados á punta seca, que, ademais, forman dun libro titulado Kafka, feito nunha edición limitada para bibliófilos. Creo que unha xusta homenaxe ao máis universal dos nosos artistas de hoxe. Lembro tamén, que o Museo do Gravado xa editou os seus debuxos nun libro, Debuxando a palabra, no ano 2016 e, ademais, en colaboración con Alfonso Costa, Entredós no ano 2008. Ayaso está moi unido ao Museo do Gravado xa que colabora co Padroado e é membro do xurado do Premio Internacional de Gravado Atlante.