“Para maior gloria dos faraóns”. Celia García Pillado


Dende hai xa unhas décadas vimos observando un incremento considerable de construcións a
cargo dos presupostos públicos, xa sexa dende Comunidades Autónomas, Concellos,
Deputacións…, megaconstrucións que seguramente todas temos na mente.
Un exemplo é a Cidade da Cultura, símbolo por antonomasia da dilapidación, malgasto e mal facer na nosa Galicia. Hai poucos días lía nun xornal un artigo do arquitecto Wilfried Wang que contaba a súa experiencia como xurado de dito proxecto. El foi o único membro que alertou dos incontrolables problemas económicos da construción e posterior mantemento. Conta que os promotores so querían que fose espectacular. Un proxecto ambicioso, algo que case que ninguén tiña en todo o mundo. Conta tamén que algún político da época chegou a dicir: “Témolo que mostrar ao mundo como bandeira”. Pero o proxecto tiña moitas sombras. Aos problemas económicos engadíanse erros de deseño e o lugar elixido. Non se pensara en detalles como durabilidade dalgúns materiais utilizados e menos na súa funcionalidade. Todo isto puido evitarse se o xurado fixera ben o seu traballo. Pero para eles era máis importante o nome do arquitecto que o proxecto en si.
As consecuencias das decisións tomadas as estamos pagando vinte anos despois. Un cúmulo de erros que teñen poucas solucións ou ningunha. Un sobrecusto brutal que se ten que asumir se non queremos que morra unha obra que intentou ser, pero non foi, a nosa bandeira de cultura e modernidade.
Quizais estes despropósitos se entendan se facemos a seguinte reflexión: ¿Non será que os nosos dirixentes, antes de pensar nas necesidades que podería ter o conxunto da cidadanía, prefiren deixar o seu legado para a posteridade? Iso si, obras grandiosas, ben visibles, para maior gloria do político de quenda.
E todo isto me leva a seguir reflexionando ao respecto, neste caso sobre o noso concello.
Exemplos temos varios para analizar. Empecemos polo Mercado Municipal, unha construción que dende o punto de vista estético non vou xulgar. Cada quen ten os seus gustos arquitectónicos.
Pero creo que no referente á funcionalidade ten moitas eivas. Un mercado ten que ser un espazo diáfano, ben estruturado para a comodidade dos vendedores e vendedoras e usuarios e usuarias de todo tipo, persoas maiores, con mobilidade reducida… Dubido moito que unha persoa que teña que utilizar unha cadeira de rodas ou outro tipo de aparello que axude a súa mobilidade poida facer as súas compras con comodidade nun espazo tan reducido, canto máis na tempada estival cando a poboación na zona case se duplica. Convértese nunha auténtica proeza facer a compra para estes colectivos e para toda a cidadanía en xeral.
Se observamos dende a perspectiva das e dos vendedores, máis do mesmo. Postos de venta con dimensións moi reducidas, que dificultan o traballo da persoa que atende, e se son dúas, as cousas complícanse moito máis xa que están a bater unha con outra facendo moi incómodo o seu traballo. Por non falar do infrautilizadas que están as plantas superiores con nula ou moi pouca actividade. Tamén con dificultade para moitas persoas maiores ás que non lles é moi doado utilizar o ascensor ou as escaleiras mecánicas.
Unha serie de atrancos que podían evitarse facendo un mercado dunha soa planta noutro emprazamento, e non empeñarse nunha construción que nos costou moitos cartiños, que nos venderon como o mellor do mellor, e que resultou que non foi así.
Pero como di un refrán moi galego “tarde piaches” e como aquí as decisións políticas erradas non teñen ningún tipo de consecuencia, pois máis do mesmo. Será por cartos! Se veñen de Europa!
Que polo visto en Europa nacen nas árbores. Permitídeme que ironice un pouco co tema.
Pero sigamos coa cuestión que nos ocupa. Vou seguir con máis despropósitos: Casas de Cultura sen accesibilidade, Casa da Xuventude nun estado lamentable, casas que se denominan museos e que se ocupan con coleccións de bonecas, residencias de maiores sen patio ou xardín para goce das e dos residentes que teñen que permanecer encerrados verán e inverno, ou propostas de novas instalacións a case que dous quilómetros da poboación mais próxima para illamento dos seus residentes, cando deberiamos acercar ás persoas da terceira idade aos núcleos de poboación para a súa integración e socialización; variante para desconxestionar o tráfico que ao parecer é gran problema neste momento en Ribeira, propiedades que se compran como Hesta curba que parece un vertedoiro incontrolado, carece de valado co perigo que iso conleva… Poderiamos seguir cunha lista considerable de decisións políticas, cando menos, cuestionables.
Pero imos ir á obra estrela da lexislatura e que me levou a escribir estás liñas, o Auditorio Municipal de Ribeira, que me recorda moito ao Gaiás, salvando as distancias, por suposto.
Se nos vende como que vai ser un referente en toda Galicia, tanto arquitectonicamente como pola súa capacidade para albergar todo tipo de espectáculos teatrais e musicais de medio e gran formato. Pero canto máis sabemos do proxecto máis evidencias temos de que non vai ser así.
Xa dende os inicios do proxecto, cando se convocou o concurso de ideas, véñense encadeando unha serie de erros que van saíndo á luz, entre eles o deseño, que non ten a altura necesaria para poder albergar no seu interior un escenario con todo o equipamento que requiren as compañías de teatro dun nivel medio alto. Por poñer un exemplo gráfico, unha compañía de medio ou gran formato que veña de xira por Galicia non poderá representar en Ribeira por problemas técnicos.
Irá a Vilagarcía ou Rianxo, por citar vilas próximas. Respecto á cuestión económica, houbo un aumento considerable no presuposto inicial que era de 2.500.000 euros e que actualmente está rozando os 4.000.000 de euros nos que non están incluídos o mobiliario (butacas), equipos de son, iluminación e maquinaria escénica. En resumo, catro millos de euros para un edificio sen equipamento de ningún tipo, que non é cousa menor, porque tamén suporá un novo aumento do presuposto.
¿Non parece un sen sentido levar a cabo unha inversión tan considerable para que ao final quedemos case como estabamos? Quedaremos cun edificio que pode que sexa arquitectonicamente harmonioso, pero que vai ser pouco funcional para o fin que en principio foi deseñado. Pode ser que as mentes pensantes teñan un plan para amortizalo atraendo a milleiros de visitantes a Ribeira, como se do Pórtico da Gloria se tratase.
Estas son só unhas pinceladas para explicar moi por enriba o que dentro de moi pouco tempo vai ser unha realidade, que podería ser outro exemplo do mal facer ao que por desgraza estamos acostumados e que sufrimos con resignación uns e unhas e con alborozo outras e outros.
Así que nestes tempos difíciles que nos tocou vivir por mor da pandemia e que de seguro deixarán ventos de crise, sexamos cautos e rigorosos, e pensemos no ben común. Fagamos políticas de rehabilitación e diversificación de utilidades, deixémonos de edificacións faraónicas para gloria do representante público, que en moitos casos son inútiles e que teremos que pagar os paganinis de sempre, a cidadanía.
Na Antiga Roma o emperador, para contentar ao populacho, ofrecía circo e pan. Aquí nin circo nin pan, ladrillo e palmeiras.