Dodro impulsa itinerarios formativos para crear emprego no rural

O Concello de Dodro, a través do proxecto PEL Emprego Sustentábel no Ámbito Rural (co-financiado polo Fondo Social Europeo e impulsado pola Deputación da Coruña), está a impulsar itinerarios formativos locais destinados a crear emprego no ámbito rural. Segundo informa, a convocatoria da Deputación abrangue accións formativas en competencias clave, emprendemento e en sectores como: a atención sociosanitaria, teleasistencia, forestal, gandeira e agricultura ecolóxica.

O Concello engade está aberto o prazo para a inscrición nas accións formativas, que, alén do coñecemento profesional e empresarial que poñen en xogo, facilitan o acceso aos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 do Sistema de Formación Profesional para o Emprego. A inscrición está aberta até o 5 de maio. Pode facerse online a través da Sede Electrónica do Concello de Dodro.