Ciclos Quintena: “Todo apunta a un verán intenso no uso da bicicleta”

10 Abril 2021

A nosa comarca é un bo lugar para pasarnos á bicicleta. Por paisaxe, por estradas, por tradición, por unha rede de carrís específicos que segue a medrar (aínda que non tanto como nos gustaría) e, tamén, polo inmellorábel servizo dos establecementos centrados neste tipo de mobilidade. Un exemplo disto é Ciclos Quintena, en Ribeira: un punto de venda e de reparación que tamén é, grazas ao seu servizo de estudos biomecánicos, un centro de investigación a disposición dos clientes. Destes e doutros detalles falamos con Óscar Fernández, membro do “equipo Quintena”.

-A oferta de servizos de ciclismo en calquera das súas manifestacións incrementouse moito en Ribeira e nos restantes concellos da nosa comarca, sen embargo todos os establecementos teñen un algo que os fai particulares. Que sería aquilo que define a Ciclos Quintena?

-Quintena Ribeira é unha tenda de bicis especializada para satisfacer as necesidades de todos os clientes, traballa con marcas de primeiro nome como pode ser Giant, primeiro fabricante de cadros de carbono a nivel mundial, ou Liv, marca pensada en exclusiva para o público femenino, tanto en bicis de competición de montaña, estrada ou uso recreativo, bicis deseñadas pensando na morfoloxía das mulleres e buscando sempre as súas necesidades.

Quintena Ribeira ofrece entre os seus servizos venta de material especifico de ciclismo e triatlón, taller especializado en reparación de bicicletas, aluguer de bicicletas, e servizo de biomecánica.

-Que opinades dos esforzos que se están a facer en Ribeira e outros concellos da zona para dotar o concello de infraestruturas axeitadas para circular comodamente en bicicleta?

Todas as melloras que se fagan nun concello a prol da mobilidade urbana van ser positivas para a cidadanía, mellor mobilidade, menos contaminación, poboación máis activa, etc. Pensamos que falta concienciación sobre o uso da bicicleta, e iso debería darse dende a escola, en Ribeira faltaría unha cultura ciclista por parte das institucións, O novo carril bici é algo positivo para a cidadanía pero non debería de quedar aí.

-O sector das bicicletas e das alternativas de mobilidade limpa e saudábel que vós ofrecedes viuse moi afectado pola crise económica e sanitaria?

-O sector é un sector que debido a crise viuse reforzado. A poboación, despois de meses encerrada, buscou unha forma de poder saír da casa, e retomar hábitos que facía tempo que tiña perdidos. Non hai máis que saír un domingo polo mañá ao monte e ver a centos de persoas desfrutar da natureza como facía tempo que non se vía.

As expectativas son contraditorias, a xente ten ganas de facer deporte, algunhas persoas queren renovar o seu material, outras de iniciarse, polo que todo apunta a un verán intenso. Pero a realidade é que no último ano, as tendas están a sufrir problemas de desabastecemento importantes, modelos difíciles de atopar, repostos que tardan demasiado, todo motivado pola crise do COVID e pola gran demanda que se está a recibir.

Todos estamos desexando chegar ao final desta situación para dar novamente o mellor servizo a cada un dos nosos clientes.

-Unha das cousas que, pola nosa experiencia, máis demandan os usuarios é poder contar cun servizo técnico e de reparación que lles axuden ao mantemento das súas bicicletas para poder usalas con regularidade, tanto para o lecer como para os seus desprazamentos diarios. En Quintena Ribeira poden atopar este servizo?

-En Quintena Ribeira contamos con dous técnicos cualificados para facer calquera tipo de reparación, contando con servizo de recollida a domicilio para poder satisfacer os clientes que o precisen. Contamos tamén cun servizo pioneiro en todo Barzanza, que é o servizo de estudos biomecánicos integrado nunha tenda de bicis, enfocado ao mundo do ciclismo, tanto para xente que busca rendemento como para usuarios que procuran só alongar a practica de deporte sen molestias e sen lesións.

-Que é un estudo biomecánico?

-Á hora de mercar unha bici, xa sexa de montaña ou de estrada, o talle é fundamental. Pero de nada serve elixir a medida axeitada se o resto de compoñentes están mal colocados. O estudo biomecánico axúdanos a saber as medidas indicadas e cales se axustan máis ao xeito de ir en bicicleta de cada persoa. Dado que é un servizo en auxe e en Galicia hai pouca oferta, decidimos apostar fortemente por este servizo. Hai varios tipos de estudos, por exemplo os estudos precompra (que se piden antes de mercar nada para poder determinar todos os parámetros que precisamos) e os estudos postcompra (que se fan despois da compara para buscar a mellor posición sobre a bicicleta). Tamén está a opción de acudir simplemente a colocar ben as calas das zapatillas e así asegurarnos que vamos a pedalear correctamente, para evitar posibles lesións.

Outros artigos

O BNG eleva ao Parlamento a falta de médicos en Ribeira

A deputada Rosana Pérez, rexistrou iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de instar á Xunta de Galiza a dotar do número de profesionais sanitarios suficiente o centro de saúde de Ribeira. Dende o BNG denuncian que "malia os centos de anuncios e a propaganda do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...